Así o explica o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen chama a atención sobre o gran valor cultural que posúe este santuario, situado na parroquia ribadense de Arante, por tratarse dun templo dos séculos XVI e XVII, que ten a consideración de Ben Catalogado Inventariado, co grao de protección II. Ademais, esta igrexa de estilo renacentista contén elementos únicos en Galicia, como son as pinturas murais de temática mariñeira, que datan do século XVI.
Precisamente, garantir a conservación destes frescos únicos na comunidade é un dos obxectivos destas obras que terán un prazo de execución de seis meses e que se licitarán proximamente. Na actualidade, a igrexa presenta unha serie de patoloxías ocasionadas por humidades que afectan tanto ao exterior como ao interior, e tamén ás pinturas murais.
Javier Arias sinalou que, a falta de estar rematada a redacción do proxecto básico de execución, as principais actuacións que contempla este proxecto de recuperación pasan por actuar sobre os revestimentos, a través do picado e posterior revestimento con pintura ao silicato para corrixir os problemas de humidades no exterior. Tamén se prevé a retirada da escada adosada ao paramento sur do templo, xa que está a provocar unha forte entrada de auga ao interior do muro.
Os problemas de humidades tamén afectan ao interior, de aí que estea prevista a retirada dos revestimentos para favorecer a ventilación dos paramentos. Para solucionar a entrada de auga pola cuberta, substituirase a lousa existente e colocaranse canlóns e baixantes. Finalmente, renovarase o sistema de iluminación con con tecnoloxía led que mellore a iluminación ornamental das pinturas.
Ademais do valor cultural que ten o Santuario da Nosa Señora das Virtudes, este templo destaca igualmente pola súa importancia histórica, lembrando un feito de relevancia coa celebración da Romaxe das Cruces. Así, cada ano o barrio da Ponte, en Arante, celebra unha nova edición desta festa, declarada de interese turístico, para conmemorar a vitoria sobre as tropas napoleónicas dos veciños e veciñas de sete parroquias de Ribadeo e Trabada: Arante, Ove, Cedofeita, Cubelas, Vidal, Vilaboa e Sante. O momento máis vistoso desta celebración é o bandeo dos pendóns, un ritual que require de gran destreza, forza e precisión para que, indo paralelo ao chan, non chegue a tocalo.
Todos estes atractivos tamén impulsan a este santuario como parada obrigada no Camiño Norte, para aqueles que realizan a ruta Xacobea, na etapa que discorre entre os municipios de Ribadeo e Lourenzá.