Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2021. A Xunta habilitou no Xulgado de Violencia sobre a Muller de Viveiro unha sala de espera para as vítimas de violencia de xénero que xa está operativa, unha vez rematados os traballos de renovación de pintura, acondicionamento e dotación de mobiliario. As actuacións realizáronse trala organización de distintos espazos do edificio xudicial desde que se trasladou o arquivo a un novo local cedido polo concello.
A Xunta investiu preto de 40.000 euros no acondicionamento de espazos nun total de 14 xulgados galegos para evitar que a vítima se atope co seu agresor coa previsión que estas actuacións teñan continuidade neste exercicio. Estes traballos enmárcanse no compromiso do Goberno galego para protexer ás vítimas dun delito durante o proceso xudicial, sobre todo aos menores ou ás vítimas de violencia de xénero, entre outros colectivos máis vulnerables.
Na mesma liña, tamén co obxectivo de protexer ás vítimas, o Goberno galego facilita biombos en todos os casos nos que os xulgados os solicitan e nas propias sedes xudiciais se adoptan medidas de carácter organizativo entre as autoridades xudiciais, as Forzas e Corpos de Seguridade e os propios funcionarios para preservar a intimidade das vítimas.
Ademais, estanse a implantar de xeito progresivo as denominadas salas Gesell nas sedes xudiciais, destinadas a tomar declaración en condicións de protección e reserva ás persoas que requiran desta especial cautela, como os menores ou as vítimas de violencia de xénero, entre outras.
Por outra banda, a Xunta continúa coa posta en marcha de novas salas de vistas co sistema de videoconferencia no marco do Plan Senda, unha medida fundamental na protección das vítimas e que veu xeneralizado o seu uso debido á crise sanitaria da covid-19.