O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, fixo entrega hoxe de seis tendas de campaña destinadas aos municipios de Guitiriz, Lourenzá, Quiroga, Ribadeo, O Vicedo e Viveiro. Son estruturas lixeiras para o transporte e de fácil montaxe e desmontaxe, que contan ademais coa instalación necesaria para colocar focos LED, xunto con catro tomas de corrente.
Igualmente, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo cedeu senllos esparexedores de sal aos concellos de Cervantes e Meira; coitelas para a retirada da neve aos municipios de Negueira de Muñíz, Ourol, e Xermade; un remolque para atención ás emerxencias ao do Saviñao, e por último unha embarcación pneumática de salvamento e rescate ao de Barreiros.
Arias lembrou que o Goberno galego mantén varias liñas de colaboración coas agrupacións de Protección Civil. Así, xunto ás entregas periódicas de novo material, tamén convoca anualmente cursos de formación e axudas para contribuír cos gastos correntes de funcionamento.
Neste sentido, lembrou que ata o 19 de febreiro permanece aberto o prazo de solicitudes para optar a este programa de axudas, que o pasado ano sumou en Lugo achegas por importe de 58.200 euros.
O delegado sinalou que “a coordinación e colaboración institucional son máis necesarias que nunca neste difícil contexto sanitario, económico e social”, e gabou o papel que están a xogar os voluntarios e voluntarias de protección civil como apoio dos corpos profesionais de emerxencias.