Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta detallará as melloras previstas na estrada Cabreiros-Momán (Xermade) a preguntas do Partido Popular

Santiago, 26 de febreiro de 2021. Os deputados do Partido Popular, José Manuel Balseiro e Sandra Vázquez, veñen de rexistrar no Parlamento galego unha iniciativa na que se interesan polas melloras previstas pola Xunta na estrada LU-170, en concreto, no treito que une as localidades de Cabreiros e Momán, ao seu paso polo termo municipal de Xermade.

A pregunta parlamentaria está previsto que reciba resposta por parte do Goberno na Comisión de Infraestruturas da Cámara galega que se reúne a vindeira semana.

Os servizos técnicos da administración autonómica veñen traballando na redacción dun proxecto de mellora desta vía que discorre a escasos metros do casco urbano xermadino e próxima ao polígono, ademais de ser unha estrada que serve de acceso a outras parroquias e conflúe coa AG-64 en Cabreiros e tamén enlaza coa A-6.

Os parlamentarios lembran que, no pasado, a Xunta actuou en varios treitos desta mesma estrada, que foron obxecto de mellora, e sinalan a importancia de “completar” estas actuacións no tramo pendente “canto antes”.

Esta actuación “cobra máis relevancia” tendo en conta que esta vía está sometida a condicións climatolóxicas adversas, durante longos períodos do ano, e soporta a circulación de vehículos agrícolas, forestais e industriais, “o que contribúe ao deterioro do firme”.

A través desta iniciativa parlamentaria os deputados preguntan, máis en concreto, en que consisten máis polo miúdo as obras previstas pola Xunta, a situación administrativa na que se atopa este proxecto técnico e o orzamento que o Goberno galego reserva para levar a cabo esta actuación.

Xa por último, desde o PP enmarcan estes traballos no compromiso da Xunta por conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións un obxectivo que promove a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para proporcionar aos usuarios –neste caso á veciñanza de Xermade e municipios veciños- unhas vías máis cómodas e seguras.

Exit mobile version