O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou que o obxectivo deste programa é favorecer actuacións sobre elementos etnográficos, vivendas e espazos agrarios, así como traballos de naturalización e embelecemento do trazado que permitan ofrecer a mellor imaxe do Camiño de Santiago, especialmente de cara á celebración deste Ano Xacobeo bianual. Arias comprobou algúns dos traballos realizados en Palas de Rei xunto co alcalde, Pablo Taboada.
O delegado sinalou que está está aberta unha nova convocatoria deste programa e o prazo para presentar solicitudes está aberto ata o 4 de marzo. Conta con maior orzamento, 1,5 millóns de euros, para consolidar a boa imaxe das rutas xacobeas e seguir a traballar na mellora dos trazados neste Xacobeo 2021. Esta liña convócase “en réxime de concorrencia non competitiva, polo que reciben financiamento todas as propostas públicas e privadas que cumpren os requisitos establecidos nas bases”, apuntou o delegado.
En concreto, na última edición obtiveron achegas na provincia 32 particulares -por un importe global de 279.500 euros- para a mellora de edificacións ou a restauracións de hórreos e muros, entre outros elementos. Así mesmo, recibiron axudas nove concellos -por un total de 122.700 euros- para realizar intervencións en espazos públicos; resultaron beneficiarios os municipios de Palas de Rei, Guntín, A Pobra do Brollón, O Saviñao, Barreiros, Monforte de Lemos, Lugo, Lourenzá e Paradela.
No que respecta á distribución por rutas, o Camiño Primitivo rexistra 13 achegas por un importe global de 129.000 euros; o Francés contabiliza 12 axudas por importe de 114.700 euros; o Norte nove beneficiarios e 80.000 euros; e o Camiño de Inverno suma sete achegas e 78.300 euros.
A Xunta mobilizou no conxunto da Comunidade máis de 1,4 millóns de euros dos que Turismo de Galicia achega o 75% do orzamento, preto de 1 millóns de euros. Entre as actuacións que se posibilitan grazas a esta liña cóntanse a mellora e humanización de áreas de descanso, zonas verdes e mobiliario na contorna do Camiño, acondicionamento de fontes, muíños, hórreos e áreas recreativas, así como embelecemento de vivendas, peches, valados, rehabilitación e acondicionamento de cubertas, revestimentos e edificios anexos ás vivendas.