Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta culmina este martes a activación do segundo plan de rescate convocando novas axudas para os sectores máis prexudicados

Lugo, 22 de febreiro de 2021. A Consellería de Emprego e Igualdade convocará mañá no Diario Oficial de Galicia unha nova liña de axudas ao abeiro do segundo Plan de rescate posto en marcha para paliar as consecuencias económicas da crise da covid-19. Este programa está dirixido expresamente ao sector da hostalaría e outras actividades pechadas polas medidas sanitarias (ximnasios, parques infantís, feirantes…).

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou hoxe os detalles nunha xornada telemática sobre a materia na que participaron medio cento de empresarios lucenses pertencentes aos sectores máis afectados, representantes das asociacións de empresarios da hostalería e de ximnasios, da Confederación de Empresarios de Lugo, a Federación de Comercio e os Colexios Profesionais de Economistas e de Xestores Administrativos.

Arias explicou que esta segunda liña de axudas completará a activación do segundo Plan de rescate, logo de que o pasado xoves se convocasen de forma conxunta os programas de apoios para traballadores autónomos e microempresas. Dado que son compatibles entre si, a contía máxima a percibir polos negocios nesta edición do plan poderá elevarse ata os 15.700 euros.

A convocatoria está dotada con 15 millóns de euros; deste total, 12 millóns de euros serán para a hostalería e os 3 millóns restantes para empresas doutros sectores que viron interrompida temporalmente a súa actividade. Trátase en todos os casos de axudas directas e automáticas para todos aqueles que cumpran os requisitos, con importes que oscilan entre os 1.900 e 2.700 euros segundo o período de tempo que leven pechados. Incrementaranse en 1.000 euros para as empresas con 10 ou máis traballadores.

Ademais de ampliar os sectores que poden acollerse ás achegas para as actividades máis prexudicadas, destaca como novidade que excepcionalmente poderá eximirse aos interesados do requisito de estar ao corrente das obrigas tributarias no momento de formalizar a solicitude.

O delegado subliñou que no primeiro Plan de rescate concedéronse 3.811 axudas na provincia de Lugo por un importe total de 8.238.150 euros. En concreto, a hostalería lucense sumou preto de 4,3 millóns de euros para os 1.420 empresarios que se acolleron a algún dos tres programas contemplados: a liña específica para o sector e as xerais para autónomos e microempresas.

No que respecta á primeira, convocada expresamente para a hostalería, outorgáronse en Lugo 661 achegas por importe de 902.750 euros; arredor do 60% (388 axudas e 571.600 euros) distribuíronse na capital.

Arias lembrou que a tramitación dos novos apoios realizarase unha vez máis de xeito áxil, con pouca burocracia, o que permitirá que os primeiros pagos cheguen en cuestión de días, antes incluso de que remate o prazo de solicitude, como ocorreu co primeiro plan.

Para resolver calquera dúbida sobre este programa de axudas e outros plans da Consellería de Emprego e Igualdade, está activa a aplicación móbil (app) Gohu, a liña de teléfono 900 815 600 e a conta de correo electrónico hola@gohu.es. As ligazóns para descargar as app, tanto para teléfonos con sistema operativo iOS como Android, están dispoñibles na páxina web de Gohu.

Ademais, as bases da convocatoria poden consultarse a través da web do departamento autonómico: https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/plan-de-rescate.

Maior dotación orzamentaria
Pola súa banda, o DOG publica hoxe o incremento orzamentario das achegas para a instalación, reforma e adaptación das terrazas dos establecementos de hostalaría e restauración, e a adquisición de elementos de envasado e empaquetado para o servizo de consumo no domicilio.

Estas axudas, que tramita a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través do Igape, convócanse tamén en réxime de concorrencia non competitiva -igual que as do Plan de rescate-, o que significa que se conceden a todos os solicitantes que cumpren os requisitos en tanto exista crédito suficiente. Por elo, elévase a contía de 3 millóns a 7 millóns de euros para poder atender o máximo número de solicitudes posibles.

Exit mobile version