Porto do Son, (A Coruña), 8 de febreiro de 2021. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe distintos encontros con representantes das confrarías de Portosín e de Porto do Son para coñecer de primeira man as necesidades e inquedanzas do sector marítimo-pesqueiro da zona, así como para aclarar dúbidas relacionadas coa súa actividade. No marco destas visitas destacou o apoio da Xunta ao sector marisqueiro na recuperación das súas zonas de produción ante os efectos causados polos últimos temporais.
Nesta liña a titular de Mar explicou que desde o primeiro momento os técnicos da Consellería do Mar traballan no seguimento das zonas nas que se rexistrou baixa salinidade nas augas e desprazamento de marisco cara ás praias como consecuencia do mal tempo, o que pon en risco a supervivencia das distintas especies de bivalvos. Para adoptar calquera medida adicional, engadiu, hai que agardar a ter unha avaliación completa do estado dos bancos.
Ademais Rosa Quintana lembrou que nos últimos días –o pasado 5 de febreiro- saíu publicada no Diario Oficial de Galicia a convocatoria para 2021 de axudas a proxectos colectivos para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sostibles. Estas achegas, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e que contan cun orzamento dun millón de euros, poden ser empregadas polo sector para paliar situacións como a que se está a dar no caso dos bancos marisqueiros de zonas como Rianxo.
No caso de non ser suficientes estas axudas, expuxo a conselleira, a Xunta buscará vías de apoio alternativas como o incremento do crédito para esta orde ou outras accións. Entre elas salientou a de producir semente para recuperar os bancos marisqueiros ,un proxecto no que se busca involucrar ao Clúster de Acuicultura de Galicia e ás federacións de confrarías co obxectivo de incrementar a produción dos bancos marisqueiros.
Estas reunións coa confraría de Portosín, na que recentemente foi elixido un novo patrón maior, e de Porto do Son enmárcase nos encontros periódicos que a Consellería do Mar mantén con estas entidades coa finalidade de analizar e coñecer as súas inquedanzas e buscar o mellor xeito de atendelas. Trátase dun seguimento ao sector especialmente importante nestes momentos, cunha alerta sanitaria que impacta no seu día a día, explicou a titular de Mar.
Nesta liña, Rosa Quintana subliñou que a Xunta analiza da man do sector as súas perspectivas de futuro e todos aqueles eidos nos que se pode mellorar. Todo isto, indicou, tendo en conta que se trata dun colectivo que foi esencial durante o estado de alarma para abastecer á cidadanía e que traballou incluso cando non lle era rendible.
Deste xeito, o que buscan xuntos a Administración galega e o sector é superar as dificultades derivadas da pandemia e volver o antes posible aos niveis de actividade previos a esta crise. Estes obxectivos teñen como meta, expuxo a conselleira, facer o sector atractivo para a xente nova e acadar a remuda xeracional.
Fachada marítima de Porto do Son
Nas visitas a conselleira estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e en Porto do Son aproveitaron para comprobar o avance das obras de remodelación da fachada marítima da vila. O obxecto fundamental desta actuación, promovida por Portos de Galicia, é humanizar o bordo portuario e abrir o municipio ao mar, de xeito que se creen amplas zonas para o aproveitamento e desfrute dos veciños na franxa litoral, lembrou Rosa Quintana.
A obra inclúe a habilitación de varias zonas de integración porto-cidade, a reorganización das vías de circulación (cun novo trazado e novos materiais de execución) e a creación dun edificio de servizos náuticos e portuarios nas inmediacións do dique, entre outras accións. Supón un investimento de catro millóns de euros e afecta a unha superficie total de 26.000 metros cadrados.
Con este tipo de accións, incidiu a titular de Mar, a Xunta busca integrar a contorna portuaria na vila, convertela nunha zona atractiva para os veciños e, ao mesmo tempo, facilitar o traballo dos usuarios do peirao. Tamén teñen como fin, engadiu, xerar emprego e riqueza pois os portos son unha parte importante da economía galega e todas as accións que axudan a melloralos redundan en beneficio do conxunto de Galicia.