Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta analiza cos presidentes das autoridades portuarias de Galicia a situación actual dos portos e o xeito de impulsar a súa competitividade

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2021. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe un encontro por videoconferencia cos presidentes das cinco autoridades portuarias de Galicia -A Coruña, Ferrol-San Cibrao, Marín-Ría de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa- no que analizou a actividade dos portos no actual contexto de alerta sanitaria polo coronavirus e os retos de futuro de cada unha das entidades. Neste sentido, as partes salientaron a importancia de contar cunha carteira de tráficos diversificada para reforzar a súa posición, impulsar a súa competitividade e resistir mellor posibles dificultades derivadas da evolución da economía.

A titular de Mar, que estivo acompañada na xuntanza pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, destacou que os portos son un gran termómetro da economía e unha parte fundamental para o seu crecemento ao ter un papel determinante en eidos como o comercio exterior. Por iso, tanto as representantes do Executivo galego como os presidentes das entidades portuarias galegas apostaron por seguir unha liña de traballo nos peiraos que lles permita gañar tráficos, aumentar a súa competitividade e impulsar tanto a economía da súa contorna como do conxunto de Galicia.

Exit mobile version