Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta adxudica por 267.000 euros as obras de acondicionamento da nave de redes do porto de Burela

 Burela, 01 de febreiro de 2021. A Xunta vén de publicar na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia a adxudicación das obras de acondicionamento da nave de reparación de redes do peirao norte do porto de Burela, por un importe de 267.000 euros.

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, explicou que os traballos suporán unha reforma integral das instalacións e teñen un prazo de execución de tres meses. O proxecto prevé a renovación completa da envolvente da edificación, tanto da cuberta como das fachadas, así como a substitución das instalacións de electricidade, alumeado e fontanería.

Para corrixir as actuais deficiencias que presenta este espazo, está previsto cambiar a chapa metálica da cuberta, incluídas novas baixantes e canlóns para evacuar as augas pluviais; e tamén a da fachada, que será substituída por paneis prefabricados de formigón armado.

Ademais, favorecerase a iluminación natural coa instalación dun lucernario na cumbreira e paneis translúcidos na parte alta das fachadas laterais. Tamén se mudarán as portas de acceso por outras corredizas e sanearase a estrutura mediante tarefas de limpeza, desoxidado e pintado. Na zona central habilitaranse un aseo e un almacén.

A nave ocupa un edificio de planta baixa situado na zona de atraque das instalacións portuarias de Burela e é empregada pola confraría de pescadores como local de almacenamento e reparación de redes.

Exit mobile version