Lugo, 22 de febreiro de 2021. A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro presentou a programación organizada pola área de Cultura arredor do Día de Rosalía, que se celebra o 24 de febreiro.
Tomando como punto de partida esta data, a Vicepresidencia programará, en colaboración con concellos, asociacións e centros educativos, quince representacións teatrais das obras “A pluma víva de Rosalía” de Os Quinquilláns, “Rosalía” de Culturactiva e “A viaxe de Rosalía” de Urdime, montaxes inspiradas na vida e obra da autora.
Tamén se promoverán vinte intervencións artísticas en espazos públicos ou xestionados por asociacións e centros educativos a cargo dos muralistas e grafiteiros Pablo Lage (Van Kraft) e Manuel Andrés Pallín de Concepto Circo.
“Son propostas que invitan a achegarse á figura de Rosalía de Castro desde unha perspectiva actual, que sitúan a esta autora cabeceira da literatura galega tamén como referente na defensa das mulleres, dos dereitos sociais e da lingua e da cultura. Cremos que inciden nese carácter popular, festivo, e tamén reivindicativo co que se ven celebrando o Día de Rosalía desde hai unha década, co impulso do mundo da cultura e do ensino. Con este catálogo de propostas, queremos seguir involucrando ao tecido asociativo pero tamén aos concellos na revalorización da figura de Rosalía ”, explicou Maite Ferreiro.
“O ano pasado concentramos a programación no mes de febreiro pero, dada a situación sanitaria, neste edición optamos por flexibilizar o calendario e facilitar que estas actuacións e intervencións artísticas poidan realizarse ao longo do ano. A obra e a figura de Rosalía admite múltiples enfoques, polo que calquera data será boa para achegarse a ela a través destas propostas culturais”, sinalou.
Os museos agasallan as visitas cunha fror e unha ilustración sobre versos de Rosalía
O Día de Rosalía, o 24 de febreiro, os catro museos da Rede Museística Provincial – o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e o Fortaleza de San Paio de Narla- agasallarán as visitas cunha lámina deseñada pola ilustradora guitiricense Alba Nimbos, un debuxo en carbón inspirado no poema “Cando a luniña aparece” de Cantares Galegos, e unha fror natural.
As láminas poderán recollerse no horario habitual de apertura dos museos, seguindo un protocolo adaptado á situación sanitaria: control de temperatura, rexistro dos datos de contacto, distancia de seguridade e uso de xel hidroalcólico antes de recoller as ilustracións.
Apoio ao manifesto de AELG
A Vicepresidencia da Deputación sumarase á lectura do manifesto do Día de Rosalía da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), que se celebrará o mércores 24 de febreiro ás 11.30 horas no Parque de Rosalía.
Sinopses das montaxes teatrais
A pluma viva de Rosalía – Os Quinquilláns
Baseada nun feito real de censura á obra de Rosalía de Castro, a montaxe dirixida por Lucho Penabade e Tero Rodríguez céntrase na denuncia dos prexuizos aos que a autora tivo que enfrotrarse como muller escritora no seu tempo.
A obra, pensada para público familiar, toma como referencia a reacción que causaron catro textos da autora destinados a un dos números da publicación Almanaque de Galicia, da imprensa Soto Freire de Lugo.
Rosalía – Culturactiva
Dirixida pola actriz e directora Fina Calleja, ligada á premiada compañía Sarabela e responsable de moitas das súas montaxes infantís e xuvenís, “Rosalía” recrea a infancia da poeta como a etapa na que se forxou a rebeldía e o impulso transformador que definde a súa obra e biografía.
A protagonista da representacion, pensada para público familiar, é unha Rosalía aínda nena que se resiste a abandonar a aldea, onde vive baixo a tutela das súas tías maternas, para ir vivir con súa nai a Compostela.
A viaxe de Rosalía – Urdime
Trátase dun espectáculo de monicreques unipersoal, onde da man da narradora e titiriteira, Larraitz Urruzola e con maletas cargadas de monicreques, teas, zapatos e libros, coñeceremos parte da obra rosaliana e algúns dos momentos da vida dun símbolo irrenunciable para a cultura galega.