Lugo, 17 de febreiro de 2021. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo pon a disposicion dos concellos a mostra itinerante “A memoria do son”, que compendia o resultado das investigacións sobre música e instrumentos medievais que se desenvolveron no obradoiro de instrumentos musicais do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) .
O deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro explicou que “poñemos en marcha esta inicaitiva coincidindo co 70 aniversario da fundación do obradoiro de instrumentos. Cremos que a itinerancia da mostra polos concellos é a mellor forma de achegar á cidadanía o patrimonio musical que se xenerou neste centro de traballo e investigación, que é un referente en Galiza no que ten que ver coa recuperación do patrimonio musical medieval”.
Efrén Castro explicou que “estamos a contactar cos concellos para ofrecerlles o proxecto expositivo e concretar un calendario para comezar coa súa itinerancia en maio. Desde o Centrad facilitamos todo o material expositivo. Cremos que é unha proposta de interese en calquera concello pero especialmente naqueles vinculados ao Camiño de Santiago”.
A mostra está formada por sete instrumentros construídos a partir da iconografía do Pórtico da Gloria da catedral de Santiado de Compostela, do Pazo de Xelmírez e das cantigas de Afonso X: unha giga, unha rota, unha cítola, unha zanfona, unha viola de perna, unha viola de brazao e un organistro.
A exposición, comisariada por Luciano Pérez, completarase cun catálogo guía en varios idiomas, audios co son de cada instrumento para descargar a través de códigos QR e un salterio con tres partituras diferentes para que as persoas que visiten a mostra poidan tocalo.
O obxectivo é converter a mostra nun espazo no que, ademais de contemplar a feitura artesá dos instrumentos, se poida apreciar o seu son e entender o contexto no que xurdiron.
Setenta anos do obradoiro de instrumentos
A itinerancia da mostra “A memoria do son” coincide co 70 aniversario da fundación do taller de instrumentos musicais galegos polo artesán Paulino Pérez no ano 1951 co apoio da Deputación de Lugo. O obradoiro, que tivo como primeira ubicación o Pazo de San Marcos, orientouse á construcción, recuperación e revitalización de instrumentos do patrimonio musical galego e á formación de mestres artesáns.
Paulino Pérez foi pioneiro en Galiza na construción de zanfonas, o que lle valeu un amplo recoñecemento como artesán con numerosos premios e distincións. A súa habilidade na construción e manexo de instrumentos de corda levou a desenvolver desde o obradoiro diferentes proxectos multidisciplinares vinculados á recuperación de instrumetnos medievais a partir de elementos iconográficos do Pórtico da Gloria, do Pazo de Xelmírez, ou das Cantigas de Afonso X.
Desde 1995, o obradoiro está integrado no Centro de Artesanía e Deseño, que acolle unha exposición permanente de Instrumentos Musicais e Obxectos Sonoros, recoñecida como unha das coleccións máis importante en Europa de instrumentos de corda medievais dos séculos XII e XIII.