Site icon Crónica3.com A Mariña

A vacinación das traballadoras do Servizo de Atención a Persoas Dependentes de Ribadeo comezará a vindeira semana tras ser remitida toda a documentación

Ribadeo, 18 de febreiro de 2021. A vacinación das traballadoras do Servizo de Atención a Persoas Dependentes, de Ribadeo, comezará a vindeira semana. A concelleira de Servizos Sociais, Mónica Freire, rexeita as críticas vertidas hoxe polo grupo municipal popular e asegura que toda a documentación esixida lle foi remitida polo Concello á Fegamp e esta á súa vez á autoridade sanitaria.

A edil ribadense subliñou que “desde a Área de Servizos Sociais do Concello de Ribadeo queremos aclarar que tanto os datos do persoal propio municipal como os da empresa que nos presta o Servizo de Atención ás Persoas Dependentes foron enviados en forma e prazo á Fegamp, seguindo as instrucións que nos fixeron chegar. Tamén estamos en disposición de confirmar que a Fegamp trasladou estes datos á autoridade sanitaria para que esta comece a convocar a estes profesionais para seren vacinados, feito que segundo informacións que puidemos recabar esta mañá se comezará a facer para a vindeira semana”.

Mónica Freire dixo que “fixemos todo isto dunha maneira o máis dilixente posible, como non pode ser doutro xeito cando falamos, coma neste caso, da vacinación destas profesionais que atenden ás persoas máis vulnerables da nosa sociedade”.

A concelleira de Servizos Sociais engadiu: “non sabemos a qué veñen estas declaracións do voceiro do PP, que o único que fan é sementar un recelo que non se corresponde coa realidade, co que aproveito para pedirlle algo máis de rigor e sobre todo seriedade cando falamos dun tema tan serio coma este”.

Exit mobile version