Site icon Crónica3.com A Mariña

“A reconstrución de Viveiro”, por Antonio Lage-Seara

Estamos ante unha pandemia, unha crise galopante con políticas anestesiadas, que xogan á ruleta do agora e poñen tiritas para curar grandes problemas. Vemos como o único plan local é unha medida sinxela e doada, coller uns miles de euros e dalos diluídos, espallados. O clásico de dar peixe e non ensinar a pescar. Está ben como inxección pero debemos ir máis aló. Levamos uns cantos anos, sen mirar ó futuro industrial, comercial ou económico do pobo. Outro cantar é a xestión sanitaria, non se habilitaron pavillóns, albergues, hoteis pechados, ou controis como previsión ó crecemento do virus, sen ter que chegar a paralizar o día a día.

Temos vías de auga , turismo en shock sen visitantes, a hostalaría pechada, o reto demográfico cos rapaces que liscan por falta de oportunidades, o Brexit que vai dar un golpe a nosa flota pesqueira, comercio paralizado…

Do que ninguén fala é de fortalecer o tecido produtivo. Camiñamos ata a das tecnoloxías, a sostibilidade e o da xeopolítica oriente/occidente. O cambio comeza dende os máis pequenos, os Concellos, non esperemos a que nos veñan a solucionar os problemas. Viveiro ten que pensar nas súas posibilidades de futuro e adaptación. Afinar unha folla de ruta para os vindeiros anos.

Ó longo de séculos, esta vila sufriu procesos de crise capeadas, porque os seus Axentes Sociais tiveron visión e misión. Agora é un deses momentos de reflexionar, reedificar para saír canto antes da situación e emerxer con fortaleza, con demandas necesarias para o mundo que ven. Hai que facer un Programa de Reconstrución, cunha mesa simbólica representada por colectivos ou persoas que aporten. Amence tódolos días sexamos optimistas e comecemos a traballar con pequenas partidas para ir sementando futuro e non quedarnos atrás.

Algunhas propostas coma:

Crear un centro de desenrolo local/ cámara económica con estudos en varios campos de traballo. Unir patronais por sectores, informar e formar. Contactos con entidades educativas e de finanzas para atraer investimento. Facer un mini Sillicon Valley, un centro tecnolóxico de StartUp de vangarda en Galicia, so se precisa a fibra co aliciente de vivir nun entorno rural pero urbano. En medio ambiente a reconversión de residuos e desfeitos, ou a xestión da auga, recursos hídricos. Un Turismo Slow ligado á natureza e o patrimonio histórico, que se debe protexer e conservar moito máis. Unha concentración parcelaria e desenrolo do monte, así como as súas madeiras para usos alternativos, construtivos ou industriais. Unhas naves no polígono para pequenas fábricas, tanto de artesanía, fogar ou alimentación, de produtos de primeira necesidade e proximidade, que si existían antano. Obradoiros de emprego que axuden a crear profesións demandadas, ademais de ir asociados a un Plan de Embelecemento Local, que contemple zoas verdes, arte na rúa, hixienización e humanización. No mundo do mar ver a posibilidade de transformar o productos e estudar novas vías de exploración. Unha plataforma de vendas e recinto ferial. Unha marca feito en Viveiro. Presupostos municipais estudados que cotemplen estas partidas de investigación, innovación, bonificacións de impostos…

E así infinidade de pequenas cousas que escoitamos no día a día, e aquí nin se fan, preven facer.

En fin,“¡Qué nos expliquen la receta!” dicía a alcaldesa, pois é un berro a voces.

Exit mobile version