Foz, 11 de febreiro de 2021. O Concello de Foz está a ultimar os preparativos para a celebración deste Entroido diferente, que terá revista, vídeo conmemorativo, baile do farolillo nas casas e concurso de customización de mascarillas.
A concelleira de Cultura, Inés López Couto, explica que “este ano 2021 conmemoraríase o 40 aniversario desta festa, pero debido ás circunstancias sanitarias deberá atrasarse. Polo que se organiza a edición especial do XXXIX e ¾ Entroido de Foz. Un pobo cunha tradición de tantos anos entroideiros non pode deixar de facer pequenas actividades dentro das posibilidades e co máximo respecto ás medidas anti-COVID. Por iso dende a Delegación de Cultura lévase tempo traballando en varias ideas que tentarán animar as casas das familias focegas e aqueloutras que queiran unirse á festa virtual”.
Inés López especifica que “o primeiro paso foi engalanar os comercios cos traxes de moitos dos grupos que levan anos participando no Entroido. O Concello quere mostrar o seu agradecemento e a boa acollida da idea por parte de todos os comercios. Pero non podía quedar so aí, por iso pronto se poderá gozar da revista do Entroido, que mañá, venres 12, estará a disposición de todos aqueles que queiran. Poderase conseguir na Delegación de Cultura do Concello ou nos comercios de Foz, ademais da versión dixital, que estará dispoñible na web municipal”.
A edil de Cultura destaca que “para o día grande do Entroido focego, o sábado do desfile, que é o día 13, está programado un vídeo conmemorativo, que foi realizado grazas á colaboración de todos os grupos e que conterá imaxes novas, con mensaxes dos diferentes participantes e recordos de anteriores momentos do desfile, cea de coroación, etcétera. Ás 17 horas comezará a emisión na páxina do Youtube municipal e será tamén acompañada despois da programación doutros vídeos”. E agradece a “colaboración e a boa disposición de todos os grupos a aportar o seu gran de área para entre todos seguir demostrando que o Entroido de Foz se vive sempre”.
López Couto engade que “mañá, venres 12, ás 20.30 horas emitirase no mesmo Youtube un vídeo que podería ser a edición das coplas en versión do grupo Pé do Molete: Al flojo vivo. Así mesmo quere recordarse o baile do farolillo, moi tradicional en Foz. O Concello pon a disposición os farolillos de quen queira participar neste Baile do Farolillo at home; poderanse recoller ata o vindeiro luns, día 15, no despacho de Cultura. Anímamos á xente a subir o seu vídeo ás redes sociais co hashtag #farolillofoz. Outro dos eventos que se levará a cabo será o Concurso de Customización de Mascar-illa. A mascarilla é, nestes días, o noso elemento de protección e no Entroido a máscara é un elemento representativo de ocultación e disfrace. Imos unir as dúas definicións e facer algo divertido. Pedimos que non se usen mascarillas cirúrxicas ou hixiénicas senón que se fagan de tela, papel ou calquera outro elemento. Se queres saír á rúa co teu deseño pono por encima dunha de protección. Haberá de prazo ata o día 15 para enviar unha foto ao mail concurso@concellodefoz.es, incluíndo os teus datos persoais (nome, idade, telefono). O martes de Entroido comunicarase os agasallados (infantil e adulto). Así mesmo está lista a exposición do Entroido no CENIMA, que, se as medidas sanitarias o permiten, abrirá ás súas portas o día 18 e estará ata o 28 de febreiro”.
“Dende o Concello desexámosvos a todos un feliz Entroido na casa, pensando xa no vindeiro ano, que o mellor está por vir! Isto é Foz e aquí hai Carnaval sempre!”, remata a concelleira de Cultura.