A central entende que os termos nos que negocie a venda teñen que estar claros e responder a unha garantía de futuro para a planta de aluminio, mais pide máis axilidade a todas as partes para avanzar nunha solución definitiva que permita a continuidade industrial e o mantemento de todos os postos de traballo, tanto na principal como nas empresas auxiliares, rematando así coa incerteza permanente na que viven os/as traballadores/as.
Neste senso, a CIG insta os gobernos español e galego a levar a iniciativa en todo momento, comprometendo a Alcoa en cada fase para garantir deste xeito que haxa acordo na operación de venda. Sería intolerábel que as negociacións fracasaran polos condicionantes impostos pola multinacional, tal e como aconteceu o pasado mes de setembro, e que Alcoa puidera aproveitar o transcurso destes meses para afianzar e xustificar o seu plan inicial de parada das cubas, despedimentos e peche da fábrica de aluminio.