Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG convoca este domingo unha xornada de mobilizacións en 18 localidades por unha saída galega xusta da crise. Na Mariña será en Ribadeo

Compostela, 5 de febreiro de 2021. Dentro da campaña por unha saída galega xusta da crise que a CIG está a desenvolver dende o mes de outubro, a central nacionalista ten convocada unha xornada de mobilizacións para o vindeiro domingo, día 7 de febreiro, para esixir políticas que permitan encetar unha auténtica recuperación económica e social e camiñar cara a unha situación de emprego, salarios, pensións e condicións de traballo dignas na Galiza. Unha recuperación que non será posíbel sen a derrogación total das reformas laborais de 2010 e 2012 e das reformas das pensións de 2011 e 2013.
As mobilizacións terán carácter expansivo e desenvolveranse en 18 localidades garantíndose en todo momento as medidas de seguridade. O secretario Xeral da CIG, Paulo Carril, participará na mobilización convocada en Vigo.
HORAS E LUGARES DAS MOBILIZACIÓNS:
A Coruña: ás 11:30h, marchas con saída dende a Casa do Mar, a Torre de Hércules, o Pazo da Ópera e a Praza de Portugal até a Praza de María Pita.
Compostela: ás 11:30h, marchas dende o Hotel Peregrino, a rotonda de San Caetano e a rotonda do Restollal até a Praza da Quintana.
Ferrol: ás 11:30h, marcha con saída dende a Praza Vella até a Praza Amada García (Edificio da Xunta).
Lugo: ás 11:30h, marchas dende o Parque Frigsa e o edificio do INSS (avda. de Madrid) até á Praza Maior.
Ourense: ás 11:30h, marchas con saída dende a estación de RENFE, a rotonda de Mariñamansa/Paco Paz e o estadio do Couto até a Praza Maior.
Pontevedra: ás 11:30h, con saídas desde o Hospital Provincial (rúa Loureiro Crespo) e desde a rotonda de San Roque -Alameda.
Vigo: ás 11:30h, marchas dende a Dobrada e da praza do Concello até o farol de Urzáiz.
A Guarda: ás 11:30h, concentración na Praza do Reloxo.
As Pontes: ás 12:00h, concentración no edificio do INEM
Boiro: ás 12:00h, na Praza do Concello.
Cangas: ás 11:30h, concentración na Praza do Concello.
Cee: ás 12:00h, concentración na Praza do Concello.
Lalín: ás 11:30h, concentración na Praza da Torre.
Porriño: ás 11:30h, concentración na Praza do Concello.
Redondela: ás 11:30h, concentración na Praza do Concello.
Ribadeo: ás 12:00h, concentración na Oficina de Emprego.
Verín: ás 12:00h, concentración na Praza do
Vilagarcía: ás 11:30h, con saídas desde rotonda Ramal e desde rotonda Piñeiriño.
As medidas adoptadas polos Gobernos español e galego son insuficientes ou inexistentes para dar unha resposta xusta á crise derivada da pandemia (que en Galiza afrontamos sen ter saído aínda da anterior) e levan a unha maior precariedade, desigualdade social e pobreza porque o capitalismo prioriza salvar a economía en vez de protexer as persoas.
Fronte a aplicación das mesmas receitas de sempre e para evitar que esta crise constitúa un novo saqueo ao pobo traballador, a CIG esixe un plan de recuperación económica, industrialización e creación de emprego digno e con este obxectivo elaborou amplísima batería de medidas que xa foron remitidas aos Gobernos español e galego, aos partidos políticos e ás asociacións patronais.
Medidas entre as que salientan:
A derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións e aprobación dunha nova lexislación laboral e social que restitúa os dereitos roubados e recoñeza novos dereitos ante as novas formas de explotación laboral.
A fixación por lei do SMI no 60% do salario medio, tal e como marca a Carta Social Europea, a supresión do IPREM e o establecemento dunha renda de inserción laboral e social, na contía do SMI; así como establecer por lei unha pensión mínima igual ao SMI e a súa revalorización anual co IPC real.
A prohibición, por lei, a aplicación de ERE, ERTE, modificacións de condicións etc. sen previa autorización administrativa e acordo co persoal; eliminar as ETT, as empresas multiservizos, a figura de “falsos/as autónomos/as” e a subcontratación en cadea.
O desenvolvemento do Marco Galego de Relacións Laborais.
Papel fundamental das administracións na dinamización económica: intervención pública no sistema financeiro; xestión directa dos fondos europeos; formalización dun concerto económico co Estado; creación dun Banco Público Galego; participación da Xunta en proxectos empresariais chave ou a nacionalización de empresas como Alcoa ou Alú Ibérica.
Transición enerxética galega e xusta, cunha Estratexia de Transición Xusta; Tarifa Eléctrica Galega; fiscalidade progresiva e xusta; máis investimento en I+d+I.
Reforzamento dos sectores estratéxicos e posta en marcha dun plan de desenvolvemento industrial de apoio e protección aos mesmos que favoreza a creación de emprego e o fin da precariedade e a emigración.
Reforzamento dos servizos públicos eliminando a taxa de reposición; retorno ao público dos privatizados; xestión directa da sanidade e reforzo do ensino público.
Plan de Conciliación con dereitos para as necesidades de coidados xeradas pola pandemia e a creación dun Sistema Público Galego de Atención ás Persoas.

Exit mobile version