Site icon Crónica3.com A Mariña

O delegado da Xunta visita o Centro Español de Documentación Espeleolóxica, en Mondoñedo, e anuncia que a Secretaría Xeral para o Deporte financia con 26.000 euros a actividade da Federación Galega durante o 2021

Mondoñedo, 13 de febreiro de 2021. A Secretaría Xeral para o Deporte financia con 26.233 euros a actividade da Federación Galega de Espeleoloxía durante o 2021, tanto a práctica deportiva como iniciativas de promoción da modalidade.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o Centro Español de Documentación Espeleolóxica, situado en Mondoñedo, e mantivo un encontro con Gonzalo Villarmea e Rosa Varela, secretario e vogal da Federación respectivamente; tamén participou o alcalde do municipio, Manuel Otero.

Arias subliñou a importancia de contar cun centro destas características “nunha provincia que ofrece un marco extraordinario para a práctica da espeleoloxía”; ao respecto, engadiu que esta especialidade “reúne todas as vantaxes do deporte e permite ademais establecer unha relación plena coa natureza”.

O convenio asinado entre a Secretaría Xeral para o Deporte e a Federación recolle que o orzamento estará destinado a sufragar gastos propios da actividade deportiva ordinaria e de accións de promoción, incluíndo a difusión entre escolares, a promoción da igualdade de xénero, a inclusión de deportistas con discapacidade, ou calquera outra dirixida a posibilitar a participación inclusiva de todas as persoas.

Entre os conceptos concretos financiados con cargo ao convenio figuran as remuneracións do persoal técnico -directores técnicos, adestradores, persoal de apoio…- material deportivo, ou gastos de asistencia a competicións -desprazamentos, manutención e aloxamento-, entre outros.

Atlas galego
Un dos proxectos máis salientables que desenvolve a Federación é a elaboración do Atlas galego de cavidades e canóns, ao que se destina preto da metade do orzamento do convenio (o 46,7%).

O propósito é crear un catálogo exhaustivo de covas, barrancos e canóns, que ofreza todos os datos posibles sobre cada un deles, tanto para facer máis doada e segura a visita como para permitir a análise da información unha vez estea dixitalizada.

A Federación utilizará información básica e cartografía recollida na plataforma de Información Xeográfica de Galicia da Xunta. Centrarase nos elementos xeolóxicos obxecto do seu estudo para completar, con investigacións de campo e outros materiais, un compendio que agrupe información sobre cartografía, características, niveis de protección do elemento ou da contorna e accesibilidade, entre outros aspectos.

Exit mobile version