O alcalde, Fernando Suárez, sinalou que “continuando a estela da derradeira nota de prensa emitida, temos que seguir falando dunha situación agridoce aínda que a medida que o tempo vai pasando, o número de casos no seu conxunto, baixan paseniñamente. Nestes momentos os responsables do Cegadi (Centro Galego de Desenvolvemento Integral) indícannos que son 2 as persoas que aínda permanecen alí das 19 de que chegou haber en total”.
O rexedor comentou que “os responsables sanitarios do Hospital da Costa indícannos que existe un novo caso positivo mais dunha persoa residente no Hospital Asilo. Tamén nos indican que as 2 persoas que levan alí días por mor do covid19 evolucionan favorablemente podendo recibir a alta nas vindeiras horas. E nos sinalan que ao longo da semana se volverá practicar un novo cribado xeral. En canto aos traballadores que hai días deron positivo, seguen recuperándose nos seus domicilios e algún deles xa está a recibir a alta médica logo de ter superada a doenza”.
Suárez Barcia dixo: “con todo, non podemos esquecer que hai 3 días a Xunta de Galicia notificou que unha persoa das que estaba desprazada no Cegadi faleceu aos 93 anos de idade”.
O alcalde ribadense segue a valorar “como moi positiva a actuación coordinada na aplicación dos Protocolos e Planes de Continxencia por parte da dirección do centro e do seu persoal, así como a actitude dos residentes á hora de enfocar esta crise sanitaria. Igualmente se continúa a valorar moi positivamente a actuación coordinada das autoridades sanitarias do Hospital da Costa e das do Cegadi por ter desprazando a Santiago á meirande parte destas persoas afectadas, logrando así dous obxectivos estratéxicos neste momento: o primeiro foi que os afectados estiveran nas mellores condicións de atención residencial e hospitalaria posible. E o segundo é que o Hospital Asilo de Ribadeo viu diminuído de xeito moi importante o risco de transmisión vírica para o resto de persoas que viñeron dando negativo en todo este tempo e que veñen supoñendo arredor da trintena, entre persoal e usuarios, sumando os que sempre deron negativo, os que viñeron do Cegadi e as altas das que sempre permaneceron no Hospital Asilo”.
E engadiu: “como sempre indicamos, manteremos informada á cidadanía sexa cal sexa a situación á que nos teñamos que enfrontar, coa confianza de que ter pasado xa polo pico de madurez deste gromo que se iniciou hai catro semanas. Seguirémolo a facer a medida que vaiamos obtendo información, ben por nós mesmos ou ben proporcionada polas autoridades sanitarias autonómicas en canto nola vaian facilitando, sempre co mellor ánimo informativo e para dar a confianza necesaria que evite rumoroloxías ou situacións de confusión”.
Fernando Suárez subliñou que “como valoración global de Ribadeo, segundo os datos que vén de publicar a Consellaría de Sanidade no día de hoxe, Ribadeo aparece con 18 casos nos últimos 14 días. Debemos, por todo isto, concienciarnos a nós mesmos, e aos que nos rodean e cos que interaccionamos a diario para que cumpramos escrupulosamente todas e cada unha das recomendacións e as obrigas que as autoridades sanitarias nos indican. De todos nós dependerá que a cifra suba ou baixe nas vindeiras horas”.