Ribadeo, 5 de xaneiro de 2020. Rexistrados dous novos positivos por covid no Hospital Asilo de Ribadeo, segundo deu a coñecer o alcalde, Fernando Suárez. Trátase dunha usuaria e dunha traballadora. A primeira foi trasladada a Santiago ao Cegadi e a segunda está gardando un estrito confinamento no seu domicilio. Hoxe estase a realizar un novo cribado xeral para comprobar a progresión do gromo detectado, hai preto de quince días, neste centro.
O rexedor declarou que “logo do cribado xeral que as autoridades sanitarias fixeron o pasado 31 de decembro, no que se detectaran varios casos entre usuarios e traballadores, desde aquel momento ata hoxe, segundo as propias autoridades sanitarias e sociais, se detectaron dous novos casos, un correspondente a unha usuaria e outro a unha traballadora. No primeiro dos casos, esta persoa xa foi trasladada ao Cegadi, que é o Centro Galego de Desenvolvemento Integral que a Xunta ten habilitado para estes casos en Santiago, e no segundo caso, a traballadora está gardando un estrito confinamento no seu domicilio de acordo cos protocolos establecidos a este efecto”.
Fernando Suárez sinalou que “ademais, no día de hoxe as autoridades sanitarias do Hospìtal da Costa están a facer un novo cribado xeral para comprobar a progresión deste gromo que se detectou hai xa uns días. Tamén cabe salientar que, segundo as mesmas autoridades sanitarias e sociais, nos están indicando que as persoas afectadas polo coronavirus, ben sexan os usuarios, os traballadores ou mesmo a relixiosa, manteñen en termos xerais uns niveis leves ou aceptables de sintomatoloxía, a pesares de que moitas destas persoas teñen unha idade moi avanzada e presentaban xa patoloxías previas”.
O alcalde seguiu a relatar que “así temos que, os 4 traballadores afectados están nos seus domicilios gardando a corentena necesaria e cos protocolos pertinentes. En canto aos usuarios, ao longo deste gromo producido hai días, 19 deles foron trasladados ao Cegadi (Centro Galego de Desenvolvemento Integral), que é unha residencia con funcionalidades hospitalarias que a Xunta de Galicia ten habilitada para estes casos en Santiago de Compostela. Este centro está preparado para a atención de persoas consideradas válidas ou con nivel de dependencia baixa. Outros 3 usuarios diagnosticados como positivos, e de acordo cos criterios das autoridades sanitarias, permanecen no Hospital Asilo debido ao seu elevado nivel de dependencia previo ao contaxio vírico. Tamén se atopa nesta situación, desde o primeiro día detectado, a relixiosa afectada de covid 19. Para todas estas persoas están habilitados igualmente os protocolos de atención, coidado e protección indicados polos servizos sanitarios e sociais. No momento de ser emitida esta nota de prensa, tamén se atopa 1 persoa usuaria no Hospital da Costa en Burela, indicándose que, cando supere a situación hospitalaria será derivado, segundo o seu grao de dependencia, ben ao Cegadi ou ben ao Hospital Asilo de Ribadeo”.
Suárez Barcia subliñou que “seguimos valorando como moi positiva a actuación coordinada de todas as partes, na aplicación dos protocolos por parte da dirección do Hospital Asilo como do seu persoal, e a actitude moi positiva dos residentes á hora de enfrontar esta crise sanitaria. Tamén valoramos moi positivamente a actuación coordinada das autoridades sanitarias do Hospital da Costa e das do Cegadi por ir desprazando a Santiago a estas persoas afectadas logrando, por unha banda, que estean nunha residencia hospitalaria nun momento complexo e ao mesmo tempo que o Hospital Asilo de Ribadeo vai vendo diminuído de xeito moi importante o risco de transmisión vírica para o resto dos usuarios, que viñeron dando negativo en todo este tempo e que actualmente, entre usuarios e persoal, suman unhas vinte persoas”.
Suárez Barcia engadiu que “como sempre, manteremos informada á cidadanía sexa a que sexa a situación á que nos teñamos que enfrontar, coa confianza de que en moi poucos días estaremos no pico de madurez deste gromo que se iniciou hai xa dúas semanas. Polo tanto, a medida que vaiamos obtendo información, ben por nós mesmos ou pola que nos proporcionen as autoridades sanitarias autonómicas, sempre co mellor ánimo informativo, e para dar a confianza necesaria que evite rumoroloxías ou situacións de confusión innecesarias”.