Santiago de Compostela, 14 de Xaneiro 2021.- Ante a evolución dos datos da pandemia,- con record de contaxios diarios-, a portavoz nacional, Ana Pontón, propón que se reforce a sanidade pública, en particular a atención hospitalaria e de camas UCIs, para anticiparse e evitar calquera saturación na asistencia sanitaria hospitalaria e de urxencias. “Unha proposta que facemos en positivo e sen máis ánimo que o de contribuír a superar esta terceira onda canto antes”, salientou a líder nacionalista.
O BNG, concretou Pontón, propón ampliar persoal tanto nos centros hospitalarios como de atención primaria, ampliar as camas UCIs, -tendo en conta ademais que a saúde da cidadanía non se limita ao virus-, e presentar no Parlamento un plan de vacinación detallado e transparente para abordar con garantías un dos maiores retos que ten que atender o SERGAS, como é o de vacinar a toda a poboación nun prazo canto antes, “porque, a día de hoxe, a vacina é a gran esperanza contra a pandemia”.
“Hai que reforzar o persoal sanitario que en moitos casos está exhausto, que acumula turnos, que leva case un ano traballando sen pausa para controlar o virus e non esquezamos que se está facendo fronte a unha pandemia tras doce anos de recortes e recortes do PP na sanidade pública, en particular na atención primaria”, explicou.
Igualmente, demandou máis unidades UCIs co correspondente persoal formado. “O SERGAS debe prepararse para evitar unha eventual saturación das urxencias hospitalarias, anticiparse e prepararse, aumentar as camas dispoñibles, e se despois non é necesario utilizar ese reforzo, mellor, pero ten que existir previsión e anticipación”.
Neste sentido, e segundo os datos oficiais, ao inicio da pandemia as camas de coidados intensivos do sistema público eran 166, despois incrementadas a 270 reutilizando outros espazos hospitalarios. Polo tanto, a Xunta debe informar dos efectivos dispoñibles e valorar se son suficientes en base ás prospeccións que permiten facer os datos.
A portavoz nacionalista tamén fixo fincapé en que o SERGAS debe garantir a saúde máis aló da COVID, “porque hai milleiros de persoas con outro tipo de doenzas, algunhas moi graves que requiren atención, seguimento e mesmo coidados intensivos”, alegou Pontón. De feito, segundo datos aportados por colectivos en defensa da sanidade pública, ao longo dos últimos meses canceláronse 3.000 operacións cirúrxicas, 600.000 consultas e realizáronse 20.000 probas diagnósticas menos, o que impacta de cheo na calidade asistencial e na saúde da poboación e provoca un incremento das listas de espera.
Finalmente, a portavoz nacional insiste na comparecencia do presidente da Xunta no Parlamento para explicar a situación nesta terceira onda e para presentar o plan de vacinación, con transparencia e detallando o número de persoas que se van contratar, calendario, medios e loxística prevista para vacinar a toda a poboación, “tendo en conta a magnitude do reto ao que se enfronta o sistema sanitario e a importancia de ser áxiles e eficaces porque a vacina o mellor antídoto contra a COVID e o mellor camiño para salvar vidas e recuperar a actividade económica”, concluíu Pontón.
Preguntada polas restriccións adoptadas, indicou que o BNG apoia todas as medidas que permitan frear o virus e demandou “valentía” para poñer en marcha outras novas de ser necesarias, tendo en conta que non existe a dicotomía saúde-economía senón que ambas van en paralelo. E volveu criticar que Feixóo pretenda responsabilizar da terceira onda a unha cidadanía que, maioritariamente, cumpre as regras que se lle indican.