Santiago de Compostela, 22 de Xaneiro 2021.- A expansión do virus en Galiza está descontrolada con datos tan demoledores que non deixan dúbidas da escalada, tanto en número de contaxios, falecementos e presión asistencial. Nos últimos dez días, a cifra de novos infectados COVID foi de 10.862, o que supón o 63% dos contaxios activos a día de hoxe.
Neste contexto, a portavoz nacional, Ana Pontón, considera inaudito que o presidente da Xunta liquidase a rolda de prensa posterior á reunión semanal do Goberno sen anunciar nin unha soa medida para conter a pandemia e que se marche de fin de semana como se a situación non fose de emerxencia sanitaria.
“O presidente da Xunta comparece para dicir literalmente nada, sen propoñer nin unha nova medida para frear o descontrol do virus e remitindo aos próximos días. Noutras palabras, que a pandemia está fora de control e Feixóo vaise de fin de semana en plena emerxencia sanitaria, con cifras de contaxios nunca vistas en Galiza, e coa curva da COVID disparada sen que anuncie ningunha nova proposta para controlar o virus”, denunciou a líder nacionalista na comparecencia de prensa posterior ao encontro co sector da hostalería.
Subliñar que a incidencia acumulada está por riba dos 500 contaxios por cada 100.000 habitantes duplicando o nivel que se considera de risco extremo, e moi por riba da que soportan países como Alemaña que, sen embargo, ten adoptadas medidas moito máis restritivas.
“Non se pode nin ser máis irresponsable e non vale esconderse tras a irresponsabilidade do Goberno central, a cuxa actitude errática súmase agora o feito de ter ao máximo responsable da sanidade na dobre situación de ministro e candidato electoral. Pero que outros non actúen non pode servir a Feixóo como escusa para non exercer as súas funcións como presidente da Xunta”, alegou.
A líder do BNG insiste en reclamar medidas contundentes e de probada eficacia para deter a cadea de contaxios e salvar vidas e, neste sentido, Pontón reiterou a petición dun confinamento de dúas semanas ampliables se fose necesario. “Que espera o Goberno central e o Goberno da Xunta para poñer esa medida sobre a mesa? Canto máis descontrol da pandemia precisan? Espero que o Executivo de Sánchez non estea condicionado por ningún proceso electoral, e que o de Feixóo deixe de agocharse e se decida a tomar as medidas necesarias para controlar a pandemia. Nada é hoxe mais prioritario”, alegou.
A portavoz nacionalista indicou tamén que o xefe do Executivo galego debería descolgar o teléfono e convocar aos responsables das forzas políticas para poñer en común propostas e a análise ante a situación da pandemia.