Lugo, 21 de xaneiro de 2021. Os usuarios e usuarias e traballadores e traballadoras do Centro de Atención a Maiores (CAM) de Ribadeo da Deputación de Lugo recibiron na mañá deste xoves a segunda dose da vacina fronte á Covid-19. En total, puxéronse 70 vacinas coas que se completa o período de vacinación deste centro provincial.
A Deputación de Lugo salienta que se puxo a 43 usuarios e 27 traballadores, e que se desenvolveu “con absoluta normalidade, sen incidencias” e con total disposición de colaboración do persoal da institución provincial e do Sergas.
Está previsto que o sábado reciba a segunda dose da vacina a comunidade da residencia provincial de Pol. Nos vindeiros días tamén será a quenda dos usuarios e traballadores dos centros de Trabada, Castroverde e A Fonsagrada, segundo estipulen as autoridades sanitarias.
O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, presidiu no mes de decembro un Comité de Seguimento dos centros para coordinar esta campaña. Nese encontro, trasladoulle a cada unha das directoras e ao equipo técnico, que a Deputación se poñía á súa disposición xunto cos medios técnicos e humanos que fosen necesarios para afrontar a vacinación coa máxima seguridade posible.
A Deputación salienta que este paso trouxo esperanza ás residencias xa que os usuarios e usuarias “levan moitas meses coas saídas limitadas, vendo pouco aos seus familiares e ver que xa recibiron a vacina ponos moi contentos e mellora considerablemente o seu benestar emocional”. Así mesmo, tamén incide en que isto non pode permitir baixar a garda e que cómpre seguir na mesma liña que a seguida ata o momento.
Información para as persoas maiores e as súas familias
Os días previos ao inicio da campaña, persoal sanitario provincial preparou uns vídeos divulgativos para explicar o proceso e resolver as principais dúbidas que podían xurdir ao respecto. Proxectáronse nas residencias para que todos os usuarios e usuarias souberan en que ía consistir, e tamén se lle fixo chegar ás familias, co obxectivo de que teñan a máxima información posible ao respecto.