Ribadeo, 7 de xaneiro de 2021. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que o último cribado xeral realizado a traballadores e usuarios do Hospital Asilo deu negativo. Para o rexedor iso indica “que este gromo non vai a máis e tamén permite pensar que se produciu o punto de inflexión a partir do cal as cousas han ir a mellor”. Suárez Barcia asegurou que unha das persoas residentes, que fora trasladada ao Cegadi a Santiago, recibe hoxe a alta e volta ao Hospital Asilo ribadense.
O alcalde dixo que “hai dous días, as autoridades sanitarias fixeron un novo cribado xeral aos traballadores e aos usuarios do Hospital Asilo e acabamos de saber que todas as probas feitas deron negativo, o cal é unha moi boa nova posto que indica que, cando menos, este gromo non vai a máis, e isto tamén permite pensar que xa se produciu o punto de inflexión a partir do cal as cousas han ir indo pouco a pouco mellor. Tamén imos vendo que o tempo xoga a favor de ir recuperando a normalidade pois xa hai máis dúas semanas que se detectaron os primeiros casos positivos, en base a isto me acaban de comunicar que se fixeron as probas ás primeiras persoas contaxiadas, e hoxe hai unha persoa que recibe a alta, ao longo deste día, dado que a proba PCR foi negativa e no test de anticorpos revelou que ten unha inmunidade xerada contra o Covid 19, polo tanto hoxe mesmo será trasladada ao Hospital Asilo de Ribadeo”.
Fernando Suárez seguiu a relatar que “hai outras persoas daquela primeira remesa que tamén están superando a doenza, aínda que van seguir no Cegadi uns días máis dado que a súa recuperación física xeral recoméndao, xa que tiñan patoloxías previas. Así temos que os 4 traballadores afectados están nos seus domicilios gardando a corentena necesaria e cos protocolos pertinentes. En canto aos usuarios, e ao longo deste gromo producido hai días, 19 deles foron trasladados ao Cegadi. Este centro está preparado para a atención de persoas consideradas válidas ou con nivel de dependencia baixa. Unha destas persoas será trasladada ao Hospital Asilo de Ribadeo no día de hoxe por ter superada a doenza. Outros 3 usuarios diagnosticados como positivos, e de acordo cos criterios das autoridades sanitarias, permanecen no Hospital Asilo debido ao seu elevado nivel de dependencia previo ao contaxio vírico. Tamén se atopa nesta situación, desde o primeiro día detectado, a relixiosa afectada de Covid 19. Para todas estas persoas están habilitados igualmente os protocolos de atención, coidado e protección indicados polos servizos sanitarios e sociais. Tamén se atopa 1 persoa usuaria no Hospital da Costa en Burela, indicándose que cando supere a situación hospitalaria será derivada, segundo o seu grao de dependencia, ben ao Cegadi ou ben ao Hospital Asilo de Ribadeo”.
O rexedor valorou “como moi positiva a actuación coordinada en todo este tempo na aplicación dos protocolos e dos plans de continxencia por parte da dirección do centro, do persoal do centro, da actitude tamén dos residentes, e igualmente da actuación coordinada das autoridades sanitarias do Hospital da Costa e das do Cegadi, que é o Centro Galego de Desenvolvemento Integral por ir desprazando a Santiago a todas estas persoas afectadas que está logrando, primeiramente que estean nas mellores condicións de atención residencial e hospitalaria posible as que foron trasladadas alí e, ao mesmo tempo, que isto foi servindo para ir baixando, de xeito moi importante, o risco de transmisión vírica para o resto de persoas que viñeron dando todo este tempo negativo no Hospital Asilo, e que actualmente suman vinte entre usuarios e persoal”.
Suárez Barcia engadiu que “seguiremos mantendo informada á cidadanía sexa cal sexa a situación á que nos teñamos que enfrontar pero, cada día que pasa, temos máis confianza en estar pasando xa polo pico de madurez deste gromo que se iniciou hai máis de dúas semanas e que hoxe, por fin, parece que empezamos a ver a luz ao final do túnel”.