A Deputación de Lugo vén adoptando dende o inicio da pandemia todas as medidas preventivas necesarias ante a Covid-19, adaptadas a cada momento da evolución da crise sanitaria, incluso con maior intensidade e rigor que as establecidas polas autoridades sanitarias, co fin de preservar a seguridade e a saúde dos seus empregados e empregadas, así como da cidadanía á que presta atención e servizos públicos, mantendo ao mesmo tempo o funcionamento da institución.
Deste xeito, e ante o repunte de casos por Covid-19, a Deputación decidiu reforzar as medidas de prevención e protección que xa tiña en vigor, ampliando ao conxunto da plantilla o traballo non presencial, en todos os casos nos que esta modalidade sexa posible, para reducir ao mínimo imprescindible a presenza de traballadores e traballadoras nas dependencias provinciais entre hoxe, día 18, e o 31 de xaneiro. Con este mesmo obxectivo, celebrará vía telemática durante este período as reunións da Xunta de Goberno, así como as comisións informativas previas ao Pleno e a sesión plenaria ordinaria deste mes.
Resulta lamentable que o voceiro do Partido Popular utilice politicamente a pandemia porque no comunicado de prensa que a institución provincial enviou o pasado sábado coas medidas de prevención da Covid xa se recolle que terán prioridade as reunións da institución vía telemática, unha medida que se reafirma nun decreto asinado hoxe polo Presidente. Polo tanto, é absurdo calquera tipo de solicitude neste sentido.
Por outro lado, a Deputación informa de que, seguindo as indicacións do SERGAS, o Presidente gardará corentena ata o vindeiro luns por ter estado en contacto coa Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, quen deu positivo por Covid-19. Aínda que, segundo as probas que lle foron realizadas ata o momento, Tomé Roca deu negativo e continúa desenvolvendo o seu labor dende o seu domicilio.