Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP reclama do goberno provincial a mellora das estradas que unen Trabada con Barreiros e San Tirso de Abres, que son perigosas por afundimentos e deficiente sinalización

 Lugo, 07 de xaneiro de 2021. O PP, no marco do seu labor de control do goberno da Deputación, faise eco das queixas que os usuarios das vías de titularidade provincial fan chegar aos concelleiros e aos deputados populares. Nesta ocasión, membros do grupo provincial do PP desprazáronse a Trabada para comprobar as deficiencias que presentan as estradas LU-P 6103 e LU-P 6104, que, respectivamente, comunican o citado municipio con San Cosme de Barreiros e coa parroquia de Sante e, finalmente, con San Tirso de Abres (Asturias). Nesta visita participou o portavoz municipal do Partido Popular en Trabada, José María Fernández. Por outro lado, o grupo provincial popular súmase ás preguntas do PP de Trabada e de numerosos veciños sobre que pretende facer a Deputación coas fincas adquiridas no seu día por Suplusa para o parque empresarial que precisa este municipio.

As deficiencias das vías de comunicación xeran con frecuencia risco para a circulación rodada e peonil. Isto ocorre na estrada que enlaza Trabada con San Cosme de Barreiros (LU-P 6103). Neste caso, a sinalización horizontal, máis que deficiente, é inexistente de tan deteriorada que está. Esta deficiencia é un problema considerable en todo o seu trazado, pero especialmente nos puntos máis altos, onde o mal tempo e a néboa son moi frecuentes. Polo tanto, é preciso que o goberno da Deputación, presidido polo socialista José Tomé, adopte o antes posible as decisións necesarias para o repintado da sinalización horizontal desta estrada. Na mesma vía, é preciso instalar redutores de velocidade na parroquia de A Fórnea, para mellorar a seguridade, no punto no que hai un cruzamento nunha curva.

En canto a estrada que enlaza a capitalidade do municipio de Trabada coa parroquia de Sante (LU-P 6104), o risco de accidentes é aínda máis grande. Neste caso, o problema débese a unha deficiencia estrutural, porque a vía sofre un afundimento a altura de Xuga, onde xa ocorreu algún accidente de tráfico. A parte afectada polo afundimento está sinalizada, pero o risco é evidente.

O portavoz provincial dos populares, Javier Castiñeira, sinala: “Os veciños de Trabada demandan melloras en dúas estradas provinciais a LU-P 6103 e LU-P 6104, e, ademais, queren saber que se pretende facer coas fincas que a día de hoxe son propiedade da Deputación de Lugo, adquiridas por Suplusa no 2007, para facer un polígono industrial; coa disolución de Suplusa, ninguén sabe que vai pasar con esas dúas fincas”. Engade: “O interesante sería que se seguise co convenio para o polígono e desenvolver solo industrial en Trabada, nesas fincas e que se compren as que están ao lado para que este municipio poida dispoñer dun parque empresarial nos próximos anos. É a petición que fan os veciños e é a que nós, o grupo provincial do PP, trasladaremos ao goberno da Deputación”. Castiñeira recorda que a alcaldesa de Trabada, Mayra García, é membro do goberno provincial.

En canto as estradas, o portavoz provincial do PP sinalou: “Estas dúas vías son importantes para este concello e teñen a sinalización horizontal bastante deficiente; son perigosas nalgúns dos seus tramos. A LU-P 6103 une o centro de Trabada con Barreiros e pasa por algúns núcleos, como é o de Fórnea, no que os veciños protestan pola deficiente sinalización e reclaman pasos de peóns e medidas para rebaixar a velocidade do tráfico, así como a limpeza de cunetas que están en moi mal estado”. Engadiu: “Outra estrada que non está en bo estado porque ten moitos defectos de sinalización é a LU-P 6104, que une o centro de Trabada con San Tirso de Abres e é saída a N-640. Esa estrada non está ben sinalizada e nalgún dos tramos estase afundido”.

Castiñeira sinala: “O PP pide ao goberno provincial que canto antes resolva os problemas nestas dúas estradas, como demandan os veciños e o Partido Popular de Trabada”.

Exit mobile version