Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP esixe ao goberno provincial que abone as cantidades correspondentes ás eliminatorias disputadas polos equipos que participaron na interrompida Copa Deputación de Fútbol 2020

 Lugo, 19 de xaneiro de 2021. A controvertida xestión que leva a cabo o goberno provincial presidido polo socialista José Tomé xera problemas que afectan aos administrados. Unha das áreas nas que se producen problemas que teñen unha incidencia negativa no día a día dos cidadáns é a de Deportes, pilotada polo nacionalista Efrén Castro. Isto ocorre cos clubs que participan na Copa Deputación de Fútbol, que aínda non cobraron as cantidades correspondentes á edición do 2020. É certo que, a causa da pandemia, tivo que ser suspendida a Copa, pero ata ese momento xa se xogaran eliminatorias; o PP reclama que se lles abonen as cantidades correspondentes ás eliminatorias nas que participaron, que suman 62.385 euros.

O deputado popular Óscar Poy sinala: “A Copa Deputación, que o ano pasado alcanzou a súa XXXVII edición, celébrase en virtude do convenio establecido a tal fin entre a Deputación e a Federación Galega de Fútbol. Debido á pandemia, disputáronse eliminatorias, pero non as semifinais nin a final. Cada eliminatoria representa un ingreso para os clubs que as disputan. Hai uns 70 equipos, tanto masculinos como femininos, afectados polo impago das cantidades correspondentes ás eliminatorias xogadas”.

O mesmo deputado explica que “as cantidades que deben percibir os equipos son moi diferentes, pero, en todo caso, contaban con elas para cubrir unha parte do seu orzamento anual, e son aínda máis necesarias nunha situación economicamente tan difícil como a xerada pola pandemia”.

Poy sinala: “A cantidade que a Deputación tiña asignada para este fin ascendía a 100.000 euros, dos que os clubs reclaman 62.385 polas eliminatorias disputadas. O procedemento habitual para que os clubs poidan ingresar os cartos que lles corresponden pola súa participación na Copa é o seguinte: ao final da temporada, a Federación envía á Deputación os datos de cada equipo e o organismo provincial fai os correspondentes pagos. O PP reclama que se ingresen aos clubs as cantidades que corresponden as eliminatorias que xogaron”.

Exit mobile version