Castiñeira sinala: “O grupo provincial do PP xa denunciou en novembro pasado que, mediante unha circular interna, o goberno provincial eliminaba a posibilidade de teletraballar; chamounos especialmente a atención que se impedira a posibilidade de teletraballar o 50% da súa xornada a aquelas persoas con fillos en idade escolar ou con dependentes ao seu cargo. Non entendemos aquela decisión; criamos e cremos que o teletraballo era e é positivo, non só para conciliar a vida laboral e familiar, senón para evitar contaxios, e especialmente sabendo as previsións que había xa naquel momento”.
Os populares consideran que “Tomé foi moi irresponsable cando eliminou esta posibilidade e agora non lle queda outra que rectificar, despois de varios casos positivos nestes últimos días entre o persoal da Deputación, incluídos varios deputados do equipo de goberno”.
Así as cousas, Castiñeira pide “explicacións ao señor Tomé” e indica que o presidente da Deputación “debe pedir desculpas, sobre todo aos traballadores por poñelos en risco”. Os populares instan a Tomé “a que confíe na tecnoloxía e na importancia da conciliación da vida laboral e familiar”. Castiñeira di: “O teletraballo veu para quedarse; é positivo e debe regularse. Máis confianza, señor presidente, nos traballadores e sobre todo moito máis coidado, porque as malas decisións ao final poden afectar a moita xente”.