Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro aclara que a ordenanza para regular o tráfico afecta só á entrada e saída de vehículos polas rúas peonís do casco antigo

 Viveiro, 22 de xaneiro de 2021. O Concello de Viveiro informa que o luns, 25 de xaneiro de 2021, entrará en vigor a Ordenanza sobre a regulación do tráfico no casco antigo, aprobada polo pleno da corporación o pasado 1 de decembro.
Esta ordenanza foi elaborada co consenso de todos os grupos políticos con representación municipal e coas achegas realizadas por cada un deles, achegas que nalgúns casos foron presentadas por escrito e noutros casos presentadas de forma verbal nas diferentes reunións de traballo realizadas; trátase, polo tanto, dunha ordenanza moi consensuada.
O Concello de Viveiro elaborou esta ordenanza co obxectivo de regular o tráfico dentro do casco antigo de Viveiro, tendo en conta que se considera peonil na súa totalidade e que actualmente está protexido polo Plan Especial de Protección Interior (PEPRI), ao tempo que se regulan os accesos necesarios para residentes, usuarios de garaxes, titulares de establecementos comerciais, repartidores, obras e demais supostos recollidos na mesma.
A ordenanza só afecta á entrada e saída de vehículos polas rúas peonís do casco antigo, dentro de murallas, manténdose sen modificacións o tráfico das rúas que o rodean. Esta normativa faise coa pretensión de mellorar e dotar de maior seguridade a todas aquelas persoas que transitan polo interior do casco antigo, sabendo que o acceso de vehículos está regulado e restrinxido a unhas determinadas franxas horarias, salvo excepcións.
No interior do casco antigo residen moitos veciños e veciñas e están ubicados numerosos establecementos comerciais; queremos que se rehabiliten máis vivendas e iso implica regular o acceso para a execución das obras; estes e os demais supostos que poden motivar a necesidade de acceder con vehículos ao casco antigo quedan regulados nesta ordenanza, establecendo para cada caso os requisitos esixidos e as condicións para o acceso.
Durante as primeiras semanas tras a súa entrada en vigor a Policía Local realizará unha labor de información e concienciación para a súa adaptación á mesma; unha vez transcorrido este primeiro periodo inicial, esixirase un estrito cumprimento da ordenanza para lograr o seu obxectivo, que é restrinxir o tráfico dentro do casco antigo de Viveiro, regulando o tráfico dos vehículos permitidos ou autorizados.

Exit mobile version