Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo Realiza melloras no parque dos Indianos

 Burela, 21 de xaneiro de 2021. O Concello realiza estes días traballos de saneado no Parque dos Indianos. A grava que había nalgunhas zonas vaise cambiar por terra vexetal, sementarase herba natural e dotarase de novas plantas e árbores. Estas obras fanse con medios propios e co persoal das Concellarías de Medio Ambiente e de Obras. Jorge Díaz pide desculpas polas molestias que se poidan ocasionar aos usuarios do Parque dos Indianos.

O edil de Medio Ambiente explicou que “en primeiro lugar estase facendo a retirada dunha especie de grava que tiñan varias partes dese parque, onde había vexetais secos, para despois facer un recheo con terra vexetal e plantar novas árbores e plantas”.

A duración dos traballos dependerá da climatoloxía: “estes traballos van durar bastante porque, debido ao estado no que se atopaba o terreo, hai que deixar que se osixene e volver pasar outra vez a pala. Polo tanto calculamos que nuns dous meses aproximadamente, dependendo da meteoroloxía que teñamos, estea todo rematado e quede cunha mellor presenza. Farase tamén un sementado de herba natural para todas as zonas onde non haxa árbores nin plantas”.

Jorge Díaz pide desculpas polas molestias ocasionadas aos usuarios do Parque dos Indianos: “que perdoen as molestias os veciños que usaban ese parque porque durante o tempo que duren as obras non van poder pasear nin sentarse alí. Pero unha vez que estea rematado poderán facelo en mellores condicións”.

Exit mobile version