O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “os traballos a realizar consisten nos servizos de enxeñería para a realización do conxunto de campañas de campo que son necesarias para garantir a viabilidade técnica e poder definir o trazado de detalle no termo municipal de Ribadeo para a nova condución xeral de abastecemento a Ribadeo desde o límite co Concello de Trabada e que procede do depósito de Vilarbetote”.
O rexedor subliñou que “este contrato é o resultado das xuntanzas e compromisos mantidos nestes últimos tempos entre os Concellos de Ribadeo e Trabada coa Xunta de Galicia para buscar unha solución definitiva a esta problemática sufrida desde hai moito tempo polo estado obsoleto dunhas tubarias que datan de finais dos anos setenta do século pasado e que frecuentemente provocan avarías e poñen en serio risco de desabastecemento á poboación. De aí que hai uns meses foi realizado pola entidade pública autonómica de Augas de Galicia un estudo de alternativas de paso, no que se analizou a substitución da condución de abastecemento actual, que se atopa nun estado deficiente, por un sistema eficiente e tecnicamente viable”.
Suárez Barcia indicou que “agora este novo paso pretende contribuír á redacción definitiva dun conxunto de proxectos que permitan determinar o montante total necesario para a execución das obras, correspondéndolle a este Concello os levantamentos topográficos, traballos xeotécnicos e xeolóxicos e as avaliacións dos organismos afectados. Con esta actuación o Concello de Ribadeo segue a impulsar, xunto co Concello de Trabada e a entidade hidráulica da Xunta de Galicia, as tarefas para definir as obras necesarias para solucionar os problemas de abastecemento de ambos os dous municipios”.
O alcalde lembrou que “a Xunta e os Concellos de Ribadeo e de Trabada acordaron impulsar conxuntamente unha solución aos problemas de abastecemento de ambos os dous municipios, comprometéndose todas as partes para buscar o financiamento necesario co fin de executar esta obra de carácter supramunicipal tan importante para ambos os dous Concellos”.