Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG insta a creación do Centro para a investigación no almacenamento de enerxía en Galicia

Madrid, 12 de xaneiro de 2021. O Bloque Nacionalista Galego acaba de presentar unha Proposición Non de Lei no Congreso para instar o Goberno a crear na Galiza o Centro para a Competitividade e a I+D+i no Almacenamento de Enerxía que se situaría no concello das Pontes, tal e como xa fixera como emenda parcial no debate dos Orzamentos Xerais do Estado para 2021.

Néstor Rego salientou que “o coñecido como Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima 2021-2030 (PNIEC) estabelece obxectivos, políticas, e medidas para, segundo o goberno do Estado, alcanzar a neutralidade climática antes de 2050”. Este plan sinala o almacenamento de enerxía nas súas diversas formas como unha das tecnoloxías que serán claves para a descarbonización, incluíndo 6 GW para a próxima década no sector eléctrico, cun balance de case 250 TWh para 2030. Tamén prevé a elaboración dun Plan de Desenvolvemento Industrial que permita capturar o máximo potencial en canto á xeración de desenvolvemento económico e emprego industrial derivados da transición enerxética, en que o ámbito do almacenamento pode supor unha oportunidade para desenvolver unha cadea de valor propia que sexa competitiva a nivel galego, estatal e internacional.

O BNG considera que a aplicación de diversas tecnoloxías de almacenamento dentro de una mesma rede, o desenvolvemento e testado de novos sistemas, e a investigación e desenvolvemento no campo do almacenamento enerxético teñen nas Pontes un enclave perfecto para a súa implantación- O deseño de cada instalación de almacenamento, así como a súa programación temporal, coordinaríase co ritmo da instalación das fontes renovábeis no termo municipal, posibilitando dar resposta á necesidade de probar, en escenario real, o comportamento das diferentes tecnoloxías eléctricas, electroquímicas, mecánicas, térmicas e químicas do almacenamento, a gran escala, en redes, e a nivel de usuario final.

“Co fechamento das dúas térmicas de carbón e coa problemática das electrointensivas, fundamentalmente nos centros de Aluibérica na Coruña e de Alcoa na Mariña, Galiza continúa a derivar unha parte importante (33 %) da súa xeración eléctrica fóra do propio País” sinalou Rego

A formación nacionalista propón que este Centro sexa creado como fundación do sector público estatal, adscrita ao Instituto de Transición Xusta, con achegas de distintos ministerios por ser un asunto que afecta transversalmente a varios deles.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, considera que o Goberno deberá negociar e acordar coa Xunta de Galiza, coa participación do Concello das Pontes, os aspectos relacionados coa xestión, achegas económicas, instalacións, medios materiais e humanos, programación de actividades para 2021-2030, e posta en funcionamento inmediata do Centro para a Competitividade e a I+D+i no Almacenamento de Enerxía na Galiza. Ademais de realizar unha convocatoria pública, unha vez constituída e formalizada, para a participación e/ou colaboración de institucións, organismos e/ou empresas interesadas.

“Este centro sería fundamental para dar un novo impulso económico a unha comarca especialmente castigada polo peche de Endesa e polo desmantelamento industrial permanente que aínda recentemente coñeceu un novo e lamentábel episodio co anuncio de peche de Siemens-Gamesa” lembrou o deputado nacionalista.

Exit mobile version