As institucións e sobre todo as locais, están a ver en todo isto unha gran oportunidade para dar un xiro na mobilidade das súas vilas tentando xerar novos valores para as vindieras xeracións, así é como lemos cada vez máis nos xornais e medios de difusión como os Concellos se fan eco das súas melloras con carrís-bici, vías ciclables e adaptacións de carrís para a convivencia de vehículos a motor, bicicletas e patíns. En definitiva, tentar que as nosas vilas e cidades vaian cara un lugar do que nunca deberon saír, cara unha forma de mobilidade que non xera residuos, boa para a saúde e de custe mínimo para os cidadáns e cidadás.
Todo isto ocorre moi perto de nós e vémolo todos os días, tan só fai falla saír un pouco da nosa contorna para ver sitios cada vez máis adaptados para o uso da bici, menos no concello de Viveiro, onde a desidia do goberno local de María Loureiro tamén se fai constar neste ámbito, tanto é así que o PSOE tumbou en agosto do ano pasado a moción para un Viveiro Ciclable e que de igual maneira levamos agardando 5 meses por unha Comisión de estudo e seguemento para crear vías ciclistas en Viveiro.
Viveiro segue á cola do progreso nun tema tan interesante e de sentido común como este, non é o BNG o que espera por esta Comisión para a creación de vías ciclables, é a veciñanza que quere utilizar a bici con seguridade para ir ao traballo, facer a compra e/ou manterse saudáble facendo exercicio, así como pais e nais que queren ir seguras coas súas crianzas mentres lles inculcan valores para unha mobilidade máis humana e respetable co medio ambiente.
A voceira do BNG en Viveiro, Míriam Bermúdez, asegura: “no BNG queremos comezar por unir os principais núcleos poboacionais do concello xa que realmente están moi perto os uns dos outros, cun terreo prácticamente chao que fai moi sinxela a súa conexión con carrís-bici entre Covas, Magazos, Celeiro e Viveiro. Algo básico que xa debera estar feito desde hai moitos anos”.
Por outra banda a concelleira afirma “isto non é un problema de presuposto nin de facer grandes obras, tan só é cuestión de bondade e gañas de traballar. Agardamos que o PSOE rectifique na súa actitude canto antes para podernos sentar a falar do tema e chegar a acordos polo ben de Viveiro.”