Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG advirte á Xunta que non abonda “maquillar” o modelo de residencias e reclama un novo e integral de todos os coidados

 Santiago de Compostela, 27 de xaneiro 2021. O BNG advirte ao Goberno galego de que sería un erro que calquera mudanza do modelo de residencias ficase só aí porque o coidado e a atención das persoas maiores e dependentes non se reduce ao modelo residencial e, neste sentido, reclamou da man da súa viceportavoz, Olalla Rodil, un modelo novo e integral de coidados, “por se a Xunta tivese a tentación de crer que apenas maquillando un pouco o modelo residencial vai mudar algo”.
Nunha pregunta en Pleno parlamentario, Rodil recordou que o sistema para a autonomía persoal e a atención á dependencia é “un todo”. “Nin as residencias, nin o servizo de axuda no fogar, a teleasistencia, os centros de día, nin os servizos sociais comunitarios poden ser concibidos como compartimentos estancos ou elementos illados”, recalcou. Baixo esta concepción, reclamou unha visión integral e un novo modelo de coidados co que comezar a superar as deficiencias e carencias do actual cun obxectivo: “garantir o dereito a unha vellez digna e as cotas de benestar que corresponden a unha sociedade que se diga democrática”.
Segundo a viceportavoz nacionalista, “este novo modelo pasa por concibir e actuar de maneira integral na atención das persoas maiores e dependentes, no seu conxunto; non só as residencias, tamén outros servizos fundamentais para o benestar das persoas”. Por iso incidiu na necesidade de abordar este modelo integral de coidados de carácter público, universal, con cobertura suficiente e cunha prestación directa de servizos. “Un modelo próximo que permita a permanencia nos fogares o maior tempo posible”, recalcou.
Rodil contrapuxo a proposta do Bloque ás carencias do modelo actual, non só no ámbito residencial, senón tamén no conxunto de servizos de atención ás persoas maiores e dependentes. Neste sentido, lembrou que as persoas coidadoras son normalmente membros do propio fogar (cun perfil maioritario de mulleres de entre 45 e 64 anos) e lembrou os datos arroxados polo Foro Económico de Galiza, que sinala que os centros de día están ausentes na meirande parte do territorio galego e intensamente concentrados na contorna urbana, deixando desatendida a demanda naqueles lugares onde a dispersión da poboación é maior e con máis do 60% da oferta concentrada na iniciativa privada.
Así mesmo, recalcou que a teleasistencia (básica ou avanzada) ten un “grao pírrico” de cobertura, atendendo a só o 2,7% da poboación maior de 65 anos, oito puntos menos que a media estatal.
No relativo ao ámbito residencial, a viceportavoz do Bloque evidenciou a carencia de prazas públicas, cun rateo de prazas por cada 100 habitantes maiores de 65 anos situado no 2,8% sumando prazas públicas e privadas, fronte ás 5 prazas que recomenda a OMS. “Isto beneficia ás empresas privadas que controlan o sector, 8 de cada 10 prazas de residencias de maiores en Galiza son privadas -recalcou-, e ademais impide o acceso da poboación en tempo e forma a este servizo. As listas de agarda para acceder a unha praza pública en residencias están moi por riba do establecido”.
Nesta liña, reiterou que a pandemia fixo visible o que no se quería ver e, sobre todo, do que non se quería falar: “Un modelo fallido, privatizado e mercantilizado”, reprochou, logo de lembrar que as residencias de maiores foron un dos principais focos de contaxio por COVID e que arredor do 40% das persoas falecidas con coronavirus eran usuarias destes residenciais.
Rodil afeou ao Executivo de Feixóo “as consecuencias da ausencia da Administración non só como provedora dun servizo público, senón tamén como responsábel da fiscalización das entidades privadas que xestionan as residencias”, lembroulle que “aínda seguimos agardando polos expedientes das residencias DomusVI e das demais entidades” e cuestionou a creación por parte da Xunta dun comité asesor sociosanitario para deseñar un novo modelo de residencias cando existe un órgano consultivo e de participación do sistema galego de servizos sociais como é o Consello galego de benestar social.

Exit mobile version