Site icon Crónica3.com A Mariña

Maiores Lugo 3.0 da Deputación abre páxina en Facebook para ofrecer o seu servizo aos lucenses durante a pandemia

 Lugo, 22 de xaneiro de 2021. A Deputación de Lugo abriu a través dos Servizos Audiovisuais unha páxina en Facebook de Maiores Lugo 3.0, o programa do organismo provincial co que se promove o uso das novas tecnoloxías entre os lucenses de máis de 55 anos, así como a súa autonomía persoal. O obxectivo é que os maiores da nosa provincia poidan seguir activos desde as súas casas mentres non sexa posible impartir a programación habitual de cursos presenciais por mor da pandemia da Covid-19.
Esta iniciativa formativa e interactiva está dirixida especialmente aos maiores, aínda que está aberta a todas as persoas que queiran participar, xa que os seus contidos poden interesar a calquera cidadán, independentemente da súa idade. Deste xeito, facilítase unha nova vía para que os maiores, que en moitos casos viven sós, poidan seguir en contacto nestes tempos nos que a Covid-19 lles impide asistir a cursos e obradoiros e ven reducido ao mínimo os seus contactos presenciais.
O novo espazo, que xa está funcionando, publica todos os días contidos audiovisuais, xogos, adiviñas e pasatempos para exercitar a mente, así como tutoriais sobre aplicacións e ferramentas tecnolóxicas para aproveitar ao máximo o uso das TICs. Ademais, estanse a compartir fotografías antigas do banco provincial de recordos de Memoria Dixital Lugo, tamén promovido polo Servizo de Audiovisuais a través de  www.memoriadixitallugo.es, co obxectivo de abrir o diálogo entre os internautas e que poidan interactuar con comentarios ou achegando outro material gráfico e audiovisual.
Aposta polo envellecemento activo
Con Maiores Lugo 3.0, a Deputación aposta polo fomento do uso das novas tecnoloxías como ferramenta para mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas maiores, nunha provincia como a de Lugo, cunha poboación moi envellecida e dispersa.

Desde a súa posta en marcha, ao abeiro do InLUGO no ano 2013, esta iniciativa formativa, que tivo moi boa acollida entre os maiores da provincia, foi incrementando cada tempada a súa programación e a demanda por parte dos usuarios e usuarias. A súa finalidade é promover o fomento da vida saudable e o envellecemento activo a través das novas tecnoloxías, e dar ás persoas maiores as habilidades e coñecementos necesarios para que o seu manexo lles facilite o día a día e o contacto cos seus familiares e amigos.

Exit mobile version