Non vou negar unha certa responsabilidade da cidadanía nos altos níveis de afección vírica desta terceira ondada da pandemia. Levamos xa dez meses de pandemia e coñecemos abondo o que vai e o que non vai, canda varias medidas adicionais de dubidosa ou moi curta eficacia.Mais o verdadeiro problema desta enxurrada actual é a estratexia desenvolvida polos políticos á fronte da Xunta de Galicia, única competente no que atinxe ás medidas sanitarias contra a Covid-19. Porque aproximadamente o 60% dos contaxios son responsabilidade das xuntanzas familiares non protocolizadas.
É dicir, os verdadeiros responsábeis son o presidente Núñez Feijóo e máis o conselleiro de Sanidade Julio Gª Comesaña, que propuxeron a total permeabilidade das persoas que residían fóra do País para visitar aos seus familiares e máis a xuntanza de dous núcleos familiares, malia recomendar xuntarse só no seo do núcleo familiar. Polo menos, no que atinxe á “barra libre” decretada pola Xunta para as visitas desenvolvidas entre as 07.00 e as 23.00 dos días 23, 24, 25, 30 e 31 de decembro de 2020 e 1 e 6 de xaneiro deste ano. Malia que un mesmo recoñeza que a Noiteboa e o Nadal supuñan unha certa excepción pola parcial falla de coñecemento na dimensión da enxurrada pandémica durante decembro.
Máis Feijóo e Comesaña a mantenta permitiron as enxurradas de amplo contacto interpersoal da Fin de Ano e Reis. Para a fin do 2020 ou primeiros do 2021 era nidio e evidente o problema sanitario da nosa Galicia, tamén xeral no contexto estatal e europeo, mais o alcalde da primeira cidade de Galicia, Abel Caballero, adheriu esta demagoxia xunteira amosando o seu xorne neglixente, ao presidir o 6-X último unha Cabalgada de Reis na que partillaron 30.000 persoas. Os dous políticos máis votados de todo o País amosaron de vez a súa falla de responsabilidade.
Núñez Feijóo habería acreditar na súa responsabilidade como Presidente deste País sen abdicar das súas responsabilidades no Goberno do Estado, que ten amosado a mesma incompetencia ca os rexedores do Monte Pío e San Caetano. Mais semella que segue xogando ser o campión europeo da modalidade deportiva de lle botar a culpa aos demáis (aínda non recoñecida na Olimpiada de Tokio) e non quere desenvolver a súa función de Presidente dun país europeo, culto e desenvolvido, como é a nación que nos une.
Non había miragre galego.