Site icon Crónica3.com A Mariña

As deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra manteñen a necesidade do 1% hostaleiro e cualifican de irrenunciable que os fondos sexan xestionados polos concellos

 A Mariña, 28 de xaneiro, 2021. As deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra levarán este venres á reunión coa Xunta de Galicia, a Fegamp e as representacións do Turismo e da Hostalería, unha proposta rigorosa para buscar un acordo cara ao necesario Plan de Rescate destes dous sectores tan afectados pola pandemia, proposta que pasa pola defensa do 1% hostaleiro e pola tramitación das axudas a cargo dos concellos galegos.
A tres institucións provinciais insisten na defensa da proporcionalidade nas aportacións das institucións que se reflicta no 1% de cada administración respecto ao seu orzamento. Consideran que a aportación da Xunta de Galicia, que supón o 0,6% do seu orzamento, é insuficiente dada a situación de peche e restricións que estes sectores están a sufrir e que os aboca a recibir os recursos necesarios para poder facer fronte a unha perda de actividade económica tan grave.
Ademais, a Xunta de Galicia ten 100 veces máis orzamento que as deputacións, ten as competencias na materia segundo o Estatuto de Autonomía e recibiu fondos extraordinarios do Estado e da UE especificamente destinados a combater os efectos da pandemia, mentres a administración local non recibiu ningún recurso extra. É máis, a Xunta recortoulles as transferencias ós concellos no Orzamento do 2021, e tiveron que asumir novas competencias impropias impostas polo Executivo galego, como a desinfección dos colexios.
As deputacións sinalan tamén que é irrenunciable que a xestión dos fondos a fagan os concellos galegos, exactamente igual que no Plan Valencia. Lembran que a Generalitat Valenciana aprobou un decreto no que deixa moi claro que as aportacións teñen carácter de transferencia aos municipios; que recolle que sectores son os que van recibir as axudas; cal é a contía total do gran paquete de rescate, e no que se define tamén o importe para cada concello. Igualmente establece que as axudas son por concesión directa, que está avalada pola lei para que poida ser así, e que as xestionen os municipios.
Por todo iso, a posición das deputacións este venres será clara: a defensa do 1%, porcentaxe que as institucións provinciais van manter aínda que a Xunta non rectifique; e que as axudas as teñen que xestionar os concellos, cuestión irrenunciable para as institucións provinciais. De feito, a proposta que presentarán na reunión en Santiago será moi similar ao decreto elaborado pola Generalitat Valenciana, modelo ao que tanto se refire a propia Xunta de Galicia.
Amais, engaden que en Galicia xa hai moitos concellos que non tiveron problema en dar axudas de forma inmediata porque habilitaron sistemas que eliminaban burocracia e tempo, para que dunha forma fácil e áxil os sectores máis afectados puideran ter os fondos. “Os datos son claros: os concellos veñen demostrando que son moito más áxiles, rápido e eficaces nos pagos de facturas que a propia administración autonómica”.

Exit mobile version