Alfoz, 24 de xaneiro, 2021. No último Pleno celebrado no Concello de Alfoz o goberno municipal levou a proposta de deseño da bandeira oficial do Concello de Alfoz. O deseño foi aprobado cos únicos votos a favor dos 5 membros do equipo de goberno do Psoe, “poucos votos para un símbolo que vai representar a tanta xente” segundo indican desde a Dirección Executiva de Via Alfoz.
Na súa intervención no Pleno, o voceiro do grupo municipal de Via Alfoz, Xabier Pardiñas, indicou que “a identidade de todo pobo está ligada á súa cultura, tradición, xeografía, paisaxe e os valores da súa xente, é por isto último, é dicir pola xente, polo que desde Via Alfoz propoñemos ao Pleno que se debería contar cos nosos veciños e veciñas para elixir a bandeira que nos vai representar a todos”. Ademais indicou que “cremos que hai outros problemas mais importantes nestes momentos que a elección dunha bandeira. Non cremos que sexa unha prioridade para os nosos veciños e veciñas neste momento, pero no caso de ter que elixila agora deixemos que o pobo opine. Precisamente sería unha maneira de darlle participación ao pobo e incluso de compartir unha ilusión nun momento tan triste como o que vivimos actualmente”.
Xabier Pardiñas, voceiro do Grupo Municipal de Via Alfoz, considera que “habería moitas formas de contar coa veciñanza na elección” e, neste sentido, propuxo no pleno estudar a posibilidade de facer un concurso de ideas no que un xurado formado expertos en heráldica elixise un número de propostas e que, posteriormente, o pobo, elixise entre elas nunha consulta popular, tal e como se leva a cabo noutros concellos.
A Dirección Executiva de Via Alfoz reproba a actitude de goberno municipal ao tildar de “ocorrencia” a súa proposta, “non pedimos que estean de acordo coas nosas propostas, simplemente pedimos que as respecten” e, neste sentido, indican que “non soamente nos faltan a nós ao respecto senón tamén aos veciños” engadindo que “non se pode admitir que un alcalde desprece así á veciñanza dicindo que «os veciños non entenden diso», ou que «a bandeira non é tan importante» e incluso a lamentable afirmación de que «se quixeran opinar haberíalles que facer un exame», unha mágoa que o pleno non fose telemático para que os veciños puidesen ver como son desconsiderados polo seu alcalde”.
A proposta elixida polo goberno municipal, deseñada polo Profesor Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, Director do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento, “merece todo o noso respecto, e desde Via transmitímoslle o noso agradecemento polo traballo, mais non se trata do deseño senón de que o pobo de Alfoz poida elixir a súa bandeira”, indica Xabier Pardiñas, quen afirma “levamos 800 anos sen bandeira, non creo que sexa necesario elixila agora con tanta présa”.