Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta publica a licitación das obras na residencia de maiores de Burela ás que destinará máis de 190.000 euros

 Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2021. A Xunta publicou a licitación para a contratación das obras que se van realizar na residencia de maiores de Burela e nas que o Goberno galego investirá máis de 190.000 euros. En concreto, esta actuación servirá para a substitución e instalación de carpinterías exteriores e novas ventás nas habitacións das catro plantas do centro.

Este procedemento determina os requisitos técnicos que deberán asumir as empresas interesadas, que teñen que presentar a súa solicitude para facerse cargo da obra antes do 19 de xaneiro. Esta renovación da carpintería e das ventás permitirá mellorar o illamento térmico do centro, o que redundará tamén na súa eficiencia enerxética.

Os orzamentos da Xunta para o ano 2021 prevén un investimento de 1,6 millóns de euros para obras en distintos centros de servizos sociais da provincia de Lugo. Entre as actuacións previstas atópase esta da residencia de maiores de Burela, así como reformas no albergue xuvenil de Area, en Viveiro; obras no albergue LUG 2, en Lugo; ou melloras no centro de menores Santo Anxo de Rábade.

Exit mobile version