Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta inicia traballos de mantemento e limpeza nos treitos interurbanos dos ríos Batán, Baos e Recemil, no Concello de Lourenzá

 Lourenzá, 9 de xaneiro de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de iniciar traballos de conservación e mantemento nos treitos interurbanos dos ríos Batán, Baos e Recemil, no municipio de Lourenzá.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que as tarefas desenvolveranse nun total de 9,2 quilómetros e consistirán principalmente na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como na limpeza de madeira morta e atoamentos.

En seccións puntuais dos ríos tamén se procederá ao apeo de árbores inclinadas e poda de pólas que presenten risco de caída. Do mesmo xeito, faranse rozas selectivas en partes ocultas pola maleza.

As actuacións realizaranse nun treito de 3 quilómetros do río Baos, nas parroquias de San Tomé e San Xurxo; en 5,8 quilómetros do río Batán, nas mesmas parroquias e tamén en Lourenzá; e en 400 metros do río Recemil, no lugar de Recemil (Lourenzá). Está previsto que os traballos se prolonguen ata o día 18 de febreiro.

Con este tipo de intervencións, Augas de Galicia traballa na mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.

As obras enmárcanse no programa de conservación do dominio público hidráulico das bacías de Galicia- Costa e as súas zonas de acceso e protección.

Exit mobile version