Site icon Crónica3.com A Mariña

A Vicepresidencia da Deputación reforza o apoio aos clubs de piraguismo cunha achega de 96.000 euros

 Lugo, 13 de xaneiro de 2021. O deputado de Deportes Efrén Castro e o presidente da Federación Galega de Piraguismo Alfredo Bea García asinaron un convenio de colaboración para a promoción deste deporte a través de iniciativas que implican a todos os clubs da provincia.

O acordo ten como obxectivo o desenvolvemento dun programa con diferentes liñas de traballo: actividades de promoción do piraguismo nos centros educativos, asesoramento técnico a clubs e deportistas a través de visitas e concentracións e a organización de xornadas e cursos de formación para o persoal técnico dos clubs.

As actividades desenvólvense ao longo do ano coa implicación dos sete clubs da provincia, Club Fluvial de Lugo, Club Piraguismo Cidade de Lugo, Club Kayak de Foz, Club Piraguismo de Viveiro, Club Deportivo San Ciprián, Club Piraguismo Altrúan (Ribadeo)´e Club de Montaña Quixós (Monforte).

A área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo achega 96.000 euros para o desenvolvemento destas actividades, incrementando en 11.000 euros a cantidade investidas nas últimas anualidades.

Efrén Castro explicou que “o convenio dá soporte económico a labor que os clubs da provincia veñen desenvolvendo nos últimos anos na promoción do piraguismo, que a día de hoxe conta con máis de 500 padexeiros e padexeiras federadas nas distintas comarcas”.

O deputado nacionalista incidiu na necesidade de “coordinar esforzos económicos e de xestión para facilitar que o piraguismo siga medrando coa incorporación de novos padexeiros e padexeiras e ofrecendo oportunidades de mellora”.

A través do convenio, a área de Deportes tamén pon a disposición dos clubs as instalacións da Escola Provincial de Piraguismo, no entorno dos Robles, en Lugo.

Exit mobile version