Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mesa pídelle á Xunta que garanta os dereitos dos galegofalantes na súa relación coa administración de xustiza

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2021. A Mesa pola Normalización Lingüística pídelle ao director xeral de xustiza, Juan José Martín Álvarez, que a Xunta de Galiza poña os medios e recursos persoais e técnicos necesarios para garantir nos Xulgados e Tribunais o dereito á escolla lingüística na tramitación do procedemento que recolle o artigo 9 da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minorizadas.

“A pesar da normativa que ampara o uso do galego, a Administración de Xustiza é impermeábel á nosa lingua, presente en menos do 5% da documentación xerada pola xustiza no noso país, sen que a Xunta poña interese en solucionalo”, lamenta a vicepresidenta da entidade de defensa da lingua, Elsa Quintas, que esta mañá mantivo esta mañá unha xuntanza virtual co director xeral, no que lle recordou a Juan José Martín Álvarez que este dereito que asiste ás partes non é só teórico e que a Xunta pode e debe materializalo con algunhas medidas urxentes que xa foron recollidas en boa medida no Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado polo Parlamento o 21 de setembro de 2004.

Entre as medidas que lle propón A Mesa á Xunta que a aplicación MINERVA dispoña en galego de todos os documentos, que se empregan a diario nunha oficina xudicial e en todas as ordes xurisdicionais (civil, penal, social, contencioso-administrativo e mercantil), como actas, dilixencias de ordenación, providencias ou autos. A Mesa recordou que, para incentivar o galego na Administración de Xustiza, os textos lexislativos en galego deben manterse actualizados, na mesma medida en que o están en castellano, e tamén estaren accesíbeis para todos os operadores xurídicos: membros da xudicatura, fiscais, letrados da administración de xustiza (antigos secretarios xudiciais) e todo o funcionariado, pero tamén avogadas, procuradoras, así como do persoal e facultativas do IMELGA (Instituto de Medicina Legal de Galiza).

Finalmente, Quintas salientou que é imprescindíbel garantir a atención oral e escrita en galego a calquera cidadán que de forma tácita e/ou expresa o solicite, para o que é urxente asegurar a real capacitación lingüística a todas as operadoras xurídicas que traballan na Administración de Xustiza.

Ante a aseveración por parte do organismo competente de que se está a traballar na aplicación informática Minerva Web sen concreción dunha data da súa implantación nos xulgados, Quintas lamenta que continúe sen ser materia prioritaria a equiparación do galego en igualdade de condicións ao castellano no ámbito da xustiza.

Estranxeirización do galego
Tanto do Informe Anual da Liña do Galego que cada ano emite a entidade de defensa da lingua como da enquisa sobre o uso do galego realizada polo INE despréndese que a vontade dunha importante parte da poboación galega por manter o uso da súa lingua atopa impedimentos de todo tipo, visíbeis ao contrastarmos datos de uso cos de presenza en espazos como o 5% na xustiza, o 4% na programación infantil, o 1% nos seguros ou o o 0,6 % nos xogos e xoguetes, aos que se suma o crecente desprezo pola lingua propia na administración pública estatal e autonómica que concentran o 46% das queixas por vulneración dos dereitos lingüísticos. “A presenza e tratamento do galego en Galiza, incluído o ensino, é o dunha lingua estranxeira”, denuncia a Mesa, “só as persoas galegofalantes se ven forzadas a mudaren de lingua”.

Exit mobile version