O primeiro destes convenios céntrase no acondicionamento das redes secundarias de faixa de xestión da biomasa, que permiten previr o inicio dun lume e a súa propagación. O convenio permitirá proceder á roza mecanizada en marxes de camiños de titularidade municipal, nunha lonxitude de 9,5 quilómetros.
Este convenio asínase ao abeiro do programa “O que non arde”, desenvolto pola Área de Medio Rural. O acordo implica un importe de 10.400 euros, dos que máis de 4.900 euros son financiados pola Deputación de Lugo, mentres que o Concello de Viveiro encárgase de achegar dos 5.500 euros restantes.
Outros dous dos convenios asinados teñen por obxecto a celebración do Belén a tamaño natural 2019-2020 e 2020-2021, respectivamente. Cada un destes convenios ten un importe total de 45.000 euros, dos que a achega da Deputación ascende a 35.000 euros e a do Concello é de 10.000 euros. O Belén “Viveiro ante o Berce”, que é considerado como un dos máis importantes de Galicia, constitúe un importante reclamo turístico e cultural e supón un impulso económico destacable para a economía local.
O cuarto dos convenios asinados ten por obxecto a execución do proxecto denominado “Promoción do turismo: mellora do entorno”, que inclúe a renovación de mobiliario urbano. Proponse o acondicionamento de papeleiras, bancos, mesas ou aparcabicletas, así como a instalación de carteis nas autovías A-6 e A-8, para visibilizar e poñer en valor os principais atractivos turísticos de Viveiro e a súa imaxe como destino turístico de calidade. O importe deste convenio ascende a 26.300 euros, dos que case 25.000 son aportados pola Deputación e os 1.300 euros restantes son financiados polo Concello de Viveiro.
O Concello de Viveiro agradece á Deputación Provincial de Lugo a aprobación e a sinatura destes convenios que, segundo o goberno local, redundarán en beneficio de toda a cidadanía do municipio.