Viviu Antequera un inicio rodado. Sen case crelo, aos 47 segundos, aproveitou o seu primeiro perigo, en estratexia, desde saque de banda, culminada por Álex Fuentes. Presionaron para frear a incursión mariñá e volveron dar no cravo para poñer distancias os andaluces, entre o minuto 8 e 9, con Javi Amorós na caza dun pase longo a Pitero e de novo en transición, finalizada por Miguel Conde. Dispuxo da máis perigosa o Pescdos Rubén Burela rozando o ecuador da primeira parte, cunha picada de Quintela que neutralizou Miguel. O asedio, o perigo e as ocasións mariñás intensificáronse co salto ao parqué de Matamoros. Os de Juanma Marrube dispuxeron dun goteo incesante de chegadas envelenadas merecendo moito máis sobre a rede. No 14, o ex dos burelistas, Vargas, evitou a estrea no luminoso, cunha conexión de Iago Míguez a Javi Rodríguez; poucos segundos despois ao da Gomera fóiselle moi alta e a grande asistencia de Mata escapóuselle a Iago. A maxia do 10 galego non atopou resposta ao segundo pau no 16. E dous minutos máis tarde, a fortuna tampouco se aliou con Quintela na liña de meta.
A Bomboneira non puido evitar que se repetise o guión no regreso, cun premio excesivo para os intereses visitantes, aos 54 segundos, nun desaxuste defensivo burelista. Javi Rodríguez protagonizou a primeira grande ocasión nunha saída desde pista laranxa cunha gran secuencia de caneos, no 23. Tentouno nun mísil Pazos máis tarde, pero foi precisamente Antequera o que aproveitou nese momento á contra, con Vargas. Non deixou de tentalo Pescados Rubén e por fin chegou a recompensa, máis que merecida, no 27, con Mata empuxando sobre a liña de meta a chegada pola banda de Iago Míguez. Responderon os de Málaga co 1-6 á contra; con todo, a garra e a coraxe dos pupilos de Juanma Marrube reforzáronse e Álex Diz volveu recortar, en menos dun minuto. Javi Rodríguez enfundouse na camiseta de porteiro xogador para subir o terceiro, con Matamoros; restaban aínda case 11 minutos de xogo. Álex Diz substituíu máis tarde no liderado do xogo a Javi Rodríguez. Volveu perdoar o Pescados Rubén, con Mata e Renato por arriba, e máis tarde Quintela, para unha nova aparición do acerto rival, con Joaki. Javi Rodríguez, tocando en Miguel, deu a última poutada, co 4-7 final, no 38.
Martes 15, Copa do Rei
O conxunto mariñán regresará á pista xa o martes, con oitavos de Copa do Rei, na pista do titánico Barcelona (13.30 horas, Barça TV).
Ficha técnica
Pescados Rubén Burela FS: M. Kaluza, Lucho, David Pazos, Álex Diz, Quintela, cinco inicial; tamén xogaron Javi Rodríguez, Renato, Pitero, Iago Míguez, Matamoros
Besoccer CD UMA Antequera: Conejo, Fernando Torres, Miguel Conde, Álex Fuentes, Cobarro, cinco inicial; tamén xogaron Javi Amorós, Ramón Vargas, Alvarito, Raúl Canto, Óscar, Joaki
Goles: 0-1, minuto 1, Álex Fuentes; 0-2, minuto 8, Javi Amorós; 0-3, minuto 9, Miguel Conde; 0-4, minuto 21, Joaki; 0-5, minuto 24, Ramón Vargas; 1-5, minuto 27, Matamoros; 1-6, minuto 27, Óscar; 2-6, minuto 28, Álex Diz; 3-6, minuto 29, Matamoros; 3-7, minuto 37, Joaki; 4-7, minuto 38, Javi Rodríguez
Árbitros: Felipe Madorrán // Urdánoz Apezteguía. Por Burela amarela para Lucho (minuto 11), David Pazos (minuto 29). Por Antequera amarillla para Javi Amorós (minuto 18).
Incidencias: Partido correspondente á xornada 14 de Primeira División Masculina disputado en Vista Alegre, con aforo máximo de 300 espectadores.