Viveiro, 22 de decembro de 2020. O Concello de Viveiro informa que, tras a reunión do comité clínico da Xunta de onte e outra na que participou hoxe a alcaldesa, María Loureiro, coa Consellería de Sanidade, Viveiro non estará pechado perimetralmente e seguirán vixentes as restricións anteriores. O municipio está agora nun nivel de vixilancia especial para observar a evolución do gromo detectado a pasada semana.
En concreto, o número de positivos no concello de Viveiro incrementábase tras un pequeno gromo orixinado nun núcleo familiar. Porén, a áxil resposta por parte da administración e dos servizos sanitarios permitiron illar aos contaxios e posibles positivos, contendo así a transmisión do virus.
Dende o goberno local, informan que se realizou un exhaustivo cribado para detectar posibles novos casos e illouse á contorna dos doentes. Polo tanto, de detectarse novos positivos nos contactos tras a PCR de confirmación, non habería risco de transmisión porque xa están illados.
Dende o Concello de Viveiro insisten no cumprimento das medidas sanitarias, así como en limitar as interaccións sociais nestes días e respectar os aforos dos establecementos.
A día de hoxe hai 43 casos activos de Covid-19 (onte só houbo un caso novo e o domingo outro). O próximo luns, o comité clínico reunirase de novo para anunciar posibles novas medidas de cara á última semana do ano, incluído un posible peche perimetral de Viveiro.
Dada a proximidade das celebracións de Nadal, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, pedía precaución para evitar unha subida dos contaxios. “Quero apelar á responsabilidade individual da veciñanza, para que siga co esforzo destes meses. Máis contaxios implicarán un endurecemento das medidas, un peche perimetral do municipio e sobre todo un perigo para a nosa saúde”, engade a alcadesa.