O popular lamenta así “a falta de vontade colaboradora coa Xunta; pero tamén coa comunidade educativa do colexio público da nosa localidade”. Nese sentido, explica que “a Xunta cumpriu con tódalas esixencias do Concello dende o primeiro momento”. Así, a pesar de que a instalación do ascensor en substitución do vello montacargas non afectou a ningunha estrutura nin se executou ningunha ampliación ou engadido no terreo e, polo tanto, nestes casos non se require licenza; o goberno local do BNG instou á consellería a solicitala.
Dende a consellería fixeron chegar ao Concello unha memoria valorada, certificados do ascensor colocado e pagaron a taxa correspondente; pero “o goberno local considerou que era insuficiente”. Posteriormente, a consellería fixo un proxecto de obra e solicitou e pagou a licenza que, finalmente, foi concedida.
“Non é comprensible que, aínda así, o goberno do BNG continúe a enredar e pretenda sancionar á Consellería que cumpriu con todo o que se lle esixiu”, manifesta o voceiro dos populares ribadenses.
Atrancos por parte do goberno do BNG
O popular defende que “o que debería facer o goberno local é poñer as máximas facilidades” de cara á instalación do ascensor no centro público do municipio “para levala a cabo da mellor forma e o máis axiña posible” porque “beneficia ao alumnado que precisa elementos que faciliten o seu acceso ás aulas”.
Pola contra, “temos que lamentar que o único que fixeron os nacionalistas foi poñer atrancos a esta mellora que pagou a Xunta e da que se benefician os alumnos de do centro público de Ribadeo”, sinala Vega.
“Ademais de tódolos requirimentos que lle fixo á Consellería sobre a licenza de obra, o goberno do BNG tardou en contratar o servizo de mantemento do ascensor e logo tamén se negou a dalo de alta en Industria a nome do Concello, que é a entidade a quen lle corresponde por ser o titular do edificio. E todo isto supuxo o retraso da súa posta en marcha”, explica o popular.