Site icon Crónica3.com A Mariña

Unha trintena de estudantes recibiu a axuda para gastos de transporte que outorga o Concello de Cervo

 Cervo, 29 de decembro de 2020. A edil de Educación, Dolores García Caramés, e o concelleiro de Formación David Rodríguez, veñen de entregar, por quendas e en grupos reducidos dada a situación actual, as axudas para transporte ao alumnado que cursa estudos fóra do termo municipal; sempre que se trate de formación ou titulacións que non se impartan en ningún centro do Concello.
Nesta ocasión foron 31 os estudantes que recibiron un cheque de 150 ou 250 euros, en función da renda familiar.
Tal e como sinalou a delegada de educación Dolores García, “trátase dunha subvención financiada ao 100% con fondos municipais, e é unha forma de aportar o noso grao de area á formación e educación dos nosos mozos e mozas”.
O obxectivo non é outro que o de “dar apoio ás familias, porque somos conscientes do gran esforzo económico que supón para moitas delas a educación dos seus fillos. Máis aínda se cabe, se temos en conta contexto actual deste 2020”.
Entre os requisitos, por exemplo, téñense en conta os ingresos económicos da unidade familiar, que debe estar empadroada no Concello de Cervo; e o alumnado debe ser menor de 30 anos.
Ademais ten que cursar algunha destas titulacións fóra do municipio: ensinanzas universitarias, estudos musicais en conservatorios e escolas de música, Bacharelato (nalgunha das modalidades que non se imparten no Concello de Cervo), ou calquera das seguintes ensinanzas en grao medio ou superior, como son FP, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, ou deportivas.

Exit mobile version