O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, subliñou que “este Foro, non foi unha acción illada, se non que forma parte dun conxunto de actuacións en materia de intelixencia turística que a Mancomunidade foi levando a cabo durante este atípico ano a cargo dos convenios asinados coa Xunta e tamén coa Deputación co obxectivo de mellorar a competitividade desta comarca. Con máis recursos é posible sacar proveito da enorme potencialidade da Mariña: é por iso que agardamos que para a próxima convocatoria de Plans de Sostenibilidade Turística se teña en conta á nosa comarca”.
As accións que se foron desenvolvendo e que se presentaron durante a xornada xunto ás principais conclusións foron as seguintes:
1. Estudo de posicionamento online do xeodestino A Mariña Lucense, dos concellos que o integran e do sector privado en base ao deseño e funcionalidades das páxinas web, o posicionamento en Google, as redes sociais, Google My Business, Tripadvisor e Wikiloc.
2. Curso de formación para técnicos de concellos e empresas do sector turístico Comunicación dixital, marketing e novas tecnoloxías para a promoción de destinos e empresas turísticas na era Covid-19 co obxectivo de axudar a mellorar a visibilidade e o posicionamento do xeodestino, dos concellos e das empresas turísticas.
3. Estratexia de Comunicación Online do xeodestino da Mariña Lucense. Consiste en elaborar unha folla de ruta necesaria para transmitir ao longo do tempo e a través das diferentes plataformas comunicativas, unha mesma imaxe de marca, de destino, cohesionada e homoxénea, coas accións que o destino debe seguir para transmitir a mensaxe axeitada para o público obxectivo. Trátase dun documento vivo que se irá nutrindo co paso do tempo, grazas a achega dos entes implicados, do coñecemento dos públicos, do produto turístico, etc.
Para todo isto contouse coa axuda de Cristina Collazo da Axencia de Marketing Turístico e Cultural Culturskopio, que foi quen explicou en detalle todo este traballo que se fixo e se sigue a facer a día de hoxe e as principais conclusións, coa idea de que todos os axentes asistentes foran coñecedores da realidade e do aspectos nos que se debe mellorar para pouco a pouco e entre todos se sumen esforzos no mesmo sentido.
Sobre as conclusións Tania Hermida subliñou: “en canto ás webs existe unha heteroxeneidade, contan cun bo deseño pero as funcionalidades destas e o posicionamento en Google son mellorables na grande maioría, no caso do sector privado faltan sistemas de reservas directas implementados e os existentes soen ser mellorables. En relación ás redes sociais, de forma xeral faise ben en Facebook, pero existe unha marxe de mellora en redes algo mais actuais como Instagram, especialmente visuais e axeitadas para o sector turístico. E é curioso, pero especialmente no caso do sector privado, sería preciso desestacionalizar tamén na xestión da comunicación dando contidos tamén en outono e inverno e promocionando mais os recursos da contorna. Algo que saíu tamén é a necesidade de mellorar a xestión en plataformas como TripAdvisor ou Google Places tanto dos recursos como das empresas, e Wikiloc, na que moi poucos concellos están presentes apesares de contar con rutas de sendeirismo. Para finalizar, recalcouse que é moi necesario dar unha imaxe común de destino, comunicando todos do mesmo xeito e salientando os mesmos atributos e o valor da marca-territorio. Algo positivo a salientar é que os distintos axentes coinciden de maneira natural no mesmo: tranquilidade (turismo slow), natureza (interior e costa), patrimonio (material e inmaterial, histórico, artístico, cultural, etnográfico, etc.), gastronomía, artesanía e un clima suave, son cuestións que fan da Mariña Lucense un destino ao que se pode viaxar en calquera época do ano”.
O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña resaltou tamén entre as conclusións do Foro: “a vontade de aplicar técnicas innovadoras no sector público, que a maior parte do tempo confronta coa falta de recursos para levalas a cabo. A necesidade de contratación máis aló dos meses de verán, para poder traballar en estratexias e planificación que redunden nunha mellor acollida do turista e no posicionamento desta comarca. En definitiva, na profesonalización do sector público e tamén privado. E hai que tratar de levar adiante unha estreita coordinación entre os diferentes concellos do destino, entre as OIT e as empresas turísticas”.
Na cita de onte tamén se falou das Catedrais: “hai que incidir en que se trata dun Monumento Natural, un espazo natural protexido, cos seus valores paisaxísticos e sobre todo xeolóxicos, a súa notoria singularidade e importancia polas que merece ser protexido. Temos que poñer en valor todas esas cuestións, sensibilizando ao público que o visita ou visitará, e evitando así a banalización do recurso”.