Site icon Crónica3.com A Mariña

Tres residentes do Hospital Asilo, de Ribadeo, deron positivo por Covid-19. presentan síntomas leves e foron trasladados a unha residencia médica en Santiago

 Ribadeo, 23 de decembro de 2020. Tres residentes do Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro, de Ribadeo, deron positivo por covid-19, segundo informou esta mañá o alcalde, Fernando Suárez. A detección produciuse dentro dos cribados periódicos que o Sergas realiza nas distintas residencias e centros de maiores. Estas tres persoas atópanse con sintomatoloxía leve e foron trasladadas a unha residencia médica que a Consellería de Sanidade ten habilitada para estes casos en Santiago de Compostela. Polo momento quedan suspendidas as visitas aos usuarios e usuarias do Hospital Asilo de Ribadeo.
O rexedor contou que “tivemos no día de hoxe coñecemento verbal por parte dos responsables do Hospital da Costa de Burela, que dentro dos cribados periódicos que o Servizo Galego de Saúde está facer nas distintas residencias e centros de maiores, producíronse tres positivos de persoas residentes no Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo”.
Suárez Barcia dixo que “estas tres persoas, segundo nos indican os responsables da Consellaría de Sanidade, atópanse cunha sintomatoloxía leve e xa foron trasladadas a unha residencia médica que a Consellería de Sanidade ten habilitada para estes casos en Santiago de Compostela. Por outra banda, infórmasenos de que a totalidade de traballadoras e traballadores do centro están sendo chamados para facer unha nova proba de diagnóstico para estar completamente seguros da situación á que nos temos que enfrontar”.
O alcalde subliñou que “entrementres, por parte da dirección do Hospital Asilo xa se activaron de xeito inmediato os plans de continxencia e protocolos previamente establecidos para este tipo de situacións coa fin de controlar esta situación para que non vaia a máis. O funcionamento desta residencia en toda a xestión desta pandemia estivo sendo impecable tanto pola dirección como pola do persoal traballador, usuarios e familiares destes. Sempre se cumpriron todos os estándares fixados polas autoridades Sanitarias competentes, así como tamén neste Centro se foron implementando desde o inicio da crise sanitaria todas as melloras posibles de limpeza e desinfección”.
Fernando Suárez engadiu que “tamén se foi, e se é moi estrito, cos contactos dos residentes cos familiares ou achegados e todos estes posibles contactos nas visitas se fan cumprindo os mais estritos protocolos. E igualmente, o persoal traballador estivo cumprindo cos protocolos establecidos para a correcta actuación. Con todo, e a partires deste mesmo momento, e en tanto a situación non sexa normalizada, suspéndense as visitas aos usuarios e usuarias do Hospital Asilo por parte de familiares”.
Para o alcalde ribadense “débese ser consciente de que nesta situación de crise sanitaria por mor do Covid19 non existe risco cero, aínda que o centro está preparado para afrontar esta situación, tanto a nivel de persoal como de medios”.
O rexedor engadiu que “ofrecemos toda a transparencia coa información que poidamos saber por nós mesmos ou pola información que as autoridades sanitarias autonómicas nos vaian dando nas vindeiras horas, ao tempo que queremos pedir cautela en comentarios ou rumoroloxía, a fin de evitar situacións de confusión ou malos entendidos. Todo parece indicar que a esta emerxencia sanitaria que dura mais de nove meses, estase traballando arreo con todos os medios e por todas as administracións e nos vindeiros días, previsiblemente na semana que vén, as vacinas chegarán, empezando precisamente por estes centros residenciais como é o caso do Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo”.

Exit mobile version