Viveiro, 21 de decembro de 2020. Os traballadores do Concello de Viveiro e as persoas que forman parte do equipo de goberno sometéronse a un cribado por precaución tras o positivo por coronavirus do tenente de alcalde, que se atopa ben e asintomático.
As probas deron todas negativas. As persoas que estiveron máis en contacto estreito co tenente de alcalde os últimos días están en cuarentena desde o sábado á espera dunha segunda pcr de confirmación e o resto, en seguimento do protocolo da Consellería de Sanidade da Xunta, fan vida normal coas pertinentes medidas de seguridade e hixiene.
Sanidade non impuxo ninguna medida extraordinaria nin á alcaldesa nin ao resto do equipo de goberno e a gran parte do persoal municipal, xa que non estiveron en contacto estreito co tenente de alcalde na última semana e levaron sempre a máscara posta. O persoal e as instalacións do concello están funcionando con normalidade e cumprindo todos os protocolos oficiais de seguridade e hixiene.
Polo demais, o Concello de Viveiro informa de 40 casos positivos activos, aínda que se están a realizar numerosas probas pcr e a cantidade pode variar nas próximas horas. Na xornada de onte só houbo un novo caso positivo e outro na mañá de hoxe
O Concello de Viveiro fai de novo un chamamento á responsabilidade para extremar as precaucións e limitar a interacción social, sobre todo nos interiores. Como medida de precaución, o próximo pleno municipal celebrarase de forma telemática.
Como o resto dos concellos, Viveiro está á espera de coñecer as medidas exactas do comité clínico da Xunta para o Nadal, pero o máis importante é cumprir todos os protocolos para evitar novos gromos.