Site icon Crónica3.com A Mariña

Rematan as obras na rúa da Lodeira de Ribadeo que leva a cabo a Deputación. O alcalde agarda que a institución provincial repare en breve o vial que discorre por detrás do campo de fútbol

 Ribadeo, 15 de decembro de 2020. O alcalde, Fernando Suárez, agarda que os traballos de aglomerado que realiza a Deputación na rúa da Lodeira rematen hoxe. Nestas obras de mellora quedarán pendentes para os próximos días o pintado e a sinalización. O rexedor espera que a institución provincial actúe tamén na rúa que discorre por detrás do campo de fútbol.
Suárez Barcia dixo que “continúan a moi bo ritmo a día de hoxe, por parte da Deputación de Lugo, estas obras que se están facendo na rúa da Lodeira, que é este vial de titularidade provincial, pero que está insertado no ámbito urbano”.
O alcalde manifestou que “despois de que durante moito tempo leváramos demandando á Deputación de Lugo que este vial estaba absolutamente degradado, que era unha vergoña, dalgunha maneira se apiadou desta situación e dotou de infraestrutura económica para poder levalo adiante”.
O rexedor confía que “no día de hoxe quede resolta a cuestión do aglomerado, aínda quedan por facer os remates de pintura e de sinalización, pero todo está collendo unha moi boa pinta. Era moi necesario”.
Fernando Suárez espera que “nos próximos tempos a Deputación, cumprindo a súa palabra, se afane e proceda a reparar o vial, tamén da súa titularidade, que pasa por detrás do campo de fútbol”.

Exit mobile version